O Servizo de Publicacións e Intercambio Científico repite na Semana do Libro de Compostela
Canda outras catorce editoras, librarías e institucións da cidade, a USC participa unha vez máis na quinta edición da Semana do Libro de Compostela, SELIC 2021, organizada polo Concello de Santiago e a Mesa do Libro de Compostela. Esta iniciativa que vai ter lugar ata o 19 de setembro, botou a andar o pasado venres a través dunha visita institucional que contou coa presenza da vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo, e do director de Publicacións da Universidade, Juan L. Blanco Valdés.
Este ano, a SELIC decorre tanto en espazo cuberto (sede de Afundación ABANCA, na rúa do Vilar) como exterior, en función das condicións climatolóxicas (soportais da propia rúa do Vilar e praza de Praterías). O programa do evento, organizado baixo o lema ‘Festival da lectura’, quere poñer o foco sobre “que significa ler nesta altura dos tempos e mover os marcos da relación cos lectores, procurando un espazo dinámico, festivo e menos formal para o encontro. Quérese acadar, deste xeito, un tipo de relación da cultura co público menos cerimonial e máis participativa, aínda que sexa como experimento para outras maneiras de tratar coas persoas que se interesan polas actividade culturais”, sinalou o responsable do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC.
A Universidade, a través da súa editora, o devandito Servizo de Publicacións, achega preto de trinta novidades editoriais de diversas coleccións e temáticas. Neste senso, Juan L. Blanco Valdés, salienta “o agradecemento á organización da SELIC, que, dende a súa primeira edición, tivo claro que a representación da produción editorial da Universidade era imprescindible no evento e puxo todas as facilidades e apoio técnico e loxístico para a nosa participación”. Unha importante mostra máis —segundo Blanco Valdés— “do espírito de fluída cooperación entre senlleiras institucións da cidade nun evento orientado á mellora da cidadanía a través da lectura”.
A SELIC celebrouse por vez primeira en 2017, na praza da Quintana, co obxectivo de reunir —nun deseño expositivo aberto e diferente ao das tradicionais feiras do libro—, as editoras, tanto privadas como institucionais, librarías e bibliotecas, “que veñen a representar unha significativa mostra do puxante sector do libro de Santiago”, explicou Blanco Valdés. Nesta xornada inaugural, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, visitou o festival da lectura xunto á concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón.