Skip to main content

A Área de Infraestruturas de Investigación obtén a certificación pola Norma UNE-EN ISO 9001:2015

O éxito desta estratexia require do compromiso do persoal das Unidades coa mellora continua do servizo prestado ás usuarias e aos usuarios da organización. FOTO: Santi Alvite
O éxito desta estratexia require do compromiso do persoal das Unidades coa mellora continua do servizo prestado ás usuarias e aos usuarios da organización. FOTO: Santi Alvite
A devandita certificación abrangue a actividade do conxunto das Unidades científico-técnicas da Área, asegura a prestación de servizos de forma regular e controlada e fomenta a optimización dos recursos existentes
Santiago de Compostela

A Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) acaba de conceder á Área de Infraestruturas de Investigación da USC a certificación pola Norma UNE-EN ISO 9001:2015 do Sistema de Xestión de Calidade establecido nas súas Unidades científico-técnicas situadas nos Campus de Lugo e Santiago. Un Sistema de Xestión de Calidade certificado por dita Norma asegura a prestación de servizos de forma regular e controlada e fomenta a optimización dos recursos existentes nas Unidades, co fin de incrementar a satisfacción e a confianza dos seus usuarios e usuarias e de evolucionar cara a unha mellora continua do sistema.

Co obxecto de garantir que a actividade das Unidades cumpre co estándar internacional de xestión de calidade estipulado pola Norma ISO 9001, así como cos compromisos establecidos na Política de Calidade da Área de Infraestruturas de Investigación, o Sistema é sometido anualmente a unha auditoría por unha entidade de certificación acreditada pola ENAC. A certificación do Sistema e a Política de Calidade poden consultarse nesta ligazón.

Continuación do Proxecto de Calidade ISO 9001

No ano 2017, ENAC certificou por primeira vez o Sistema de Xestión de Calidade establecido na Unidade de Raios X da USC e, como continuación desta acción, este ano logrouse a ampliación do alcance da certificación á actividade do conxunto das Unidades científico-técnicas da Área de Infraestruturas de Investigación.

As accións desenvolvidas no ámbito da Calidade responden a unha decisión estratéxica tomada dende a Vicerreitoría de Investigación e Innovación. “Esta decisión nace da convicción de que un sistema de xestión de calidade supón un valor engadido para a actividade das Unidades que conforman a Área de Infraestruturas de Investigación e, por extensión, para a investigación realizada na USC e noutros organismos públicos e privados, que redunda no beneficio de todos”, explican.

O éxito desta estratexia require do compromiso do persoal das Unidades coa mellora continua do servizo prestado ás usuarias e aos usuarios da organización. Nese sentido, o logro da ampliación da certificación é reflexo do traballo conxunto de todo o persoal implicado, en especial do persoal técnico das Unidades.

The contents of this page were updated on 09.14.2021.