Skip to main content

As universidades de Oriente Medio que colaboran coa USC en materia de mobilidade reúnense en Santiago a vindeira semana

O Servizo de Relacións Exteriores da USC desenvolve a vindeira semana en Santiago a segunda edición da Staff Week, un encontro no que participarán membros da comunidade universitaria de máis dunha decena de países entre os que se atopan India, Líbano, Irán ou Exipto cos que a Universidade compostelá colabora en materia de mobilidade.

A xuntanza enmárcase no Programa Erasmus + KA 107 e ten como obxectivo primordial fomentar o traballo en rede entre as máis de 30 universidades participantes e poñer en común metodoloxías de traballo que revertan nunha optimización na xestión e difusión dos programas de mobilidade nos que participan todos os membros do consorcio.

Ao longo dos cinco días do encontro sucederanse relatorios sobre a xestión dos distintos programas, obradoiros, unha visita ao Campus de Lugo así como actividades de tipo cultural para coñecer o patrimonio da universidade compostelá. Ademais, o martes 23 está prevista a presentación dunha aplicación web realizada pola USC que facilitará o traballo de xestión da mobilidade entre todas as universidades implicadas.

A xornada inaugural terá lugar o luns 22 ás 10.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca e nela intervirán o asesor para a Xestión da información e elaboración do Mapa relacional, Jacobo Feás Vázquez, e o xefe do Servizo de Relacións Exteriores da USC, Enrique López Veloso.

The contents of this page were updated on 01.19.2018.