Comeza en Grecia o proxecto UNINTEGRA, que coordina a USC para a integración de persoas refuxiadas en Europa

A vicerreitora de Internacionalización, Almudena Hospido, encabeza a delegación da USC que a vindeira semana participa en Atenas (Grecia) na reunión de lanzamento do proxecto UNINTEGRA (UNiversity leading full and stepwise approach to the INTEGRAtion of refugees). Trátase dunha iniciativa coordinada pola USC e aprobada ao abeiro do Fondo de Asilo, Migración e Integración da Comisión Europea que aborda a integración das persoas refuxiadas en Europa, pendentes de reasentamento ou xa reubicadas, a través dun enfoque global no que se contemplan accións de formación, sensibilización e apoio á integración nos eidos social e educativo.
O orzamento do proxecto, que ascende a 744.638,78 euros, é financiado integramente polo devandito Fondo a través da convocatoria de 2016 que, dotada dun máximo de 11 millóns de euros, deu cobertura a un reducido número de proxectos a nivel europeo.
No consorcio de UNINTEGRA figuran, ademais da USC, outras institucións de ensino superior como a National and Kapodistrian University of Athens (Grecia) e a Universidade do Minho (Portugal), entidades como as Fundacións ACSAR e Universitaria Balmes, ademais da participación do Concello de Santiago como reforzo ao enfoque local desta iniciativa transnacional de apoio a persoas refuxiadas.
Durante os 24 meses de duración do proxecto realizaranse unha serie de actuacións que abranguen actividades de formación e apoio psicosocial a persoas refuxiadas tanto en centros e campos de refuxiados como no ámbito local ou rexional de referencia das universidades participantes, así como capacitación de persoal de organizacións e entidades que traballen na atención directa da comunidade de persoas refuxiadas.
A Universidade de Santiago de Compostela, na súa aposta por contribuír aos procesos de integración social, colaborará directamente coas outras universidades do consorcio no deseño dun protocolo de acreditación de competencias que reforce as posibilidades de inicio e continuidade de estudos universitarios así como o acceso ao mercado laboral das persoas refuxiadas. A cooperación estenderase así mesmo ao ámbito da investigación, afondando en aspectos vencellados á muller e aos nenos como grupos máis vulnerables e que constitúen unha prioridade e un reto nas políticas de integración das persoas refuxiadas.
A USC, comprometida UNINTEGRA eríxese como unha iniciativa de carácter institucional na USC que enlaza directamente coas accións da Vicerreitoría de Internacionalización dentro da súa política activa de apoio a persoas refuxiadas e a estudantes procedentes de países en conflito.
Esta liña de actuación vense desenvolvendo nos últimos anos a través da participación en programas de cooperación internacional ou en iniciativas de carácter propio como o Programa de Axudas a Persoas Refuxiadas, polo que na actualidade cursan estudos na USC catro alumnos chegados de países en conflito.