Skip to main content

Investigadores do Campus Terra da USC melloran a avaliación e a selección xenética de variedades de cana de azucre en Guatemala

Rosales Longo, segundo pola dereita, con Pereira Lorenzo e membros do tribunal avaliador da súa tese de doutoramento
Rosales Longo, segundo pola dereita, con Pereira Lorenzo e membros do tribunal avaliador da súa tese de doutoramento
A tese realizada na EPSE por Rosales Longo e co dirixida por Pereira Lorenzo é a primeira do programa de doutoramento internacional en Agricultura e Medioambiente

A clasificación dos índices fenotípicos e a mellora e optimización da selección dos xenotipos das poboacións de cana de azucre existentes en Guatemala centran a investigación de doutoramento que vén de presentar na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) do Campus Terra da USC o enxeñeiro e mellorador de cana azucre do Centro Guatemalteco de Investigación e Capacitación da Cana de Azucre (Cengicaña) Fredy Uber Rosales Longo.

A tese doutoral realizada por Rosales Longo no marco do programa de doutoramento internacional en Agricultura e Medioambiente orientado cara a Iberoamérica que coordina o profesor da USC Agustín Merino García, desenvolvese baixo o título ‘Índices fenotípicos de selección de cana de azucre’ e trátase dunha investigación dirixida polo catedrático da USC Santiago Pereira Lorenzo, o mellorador de Cengicaña José Luis Quemé de León, e o director deste centro guatemalteco de investigación e capacitación da cana de azucre, Mario Melgar Morales.

En cana de azucre, con grandes poboacións suxeitas de selección, o grao de precisión da selección pode verse menoscabado pola dificultade de realizar a valoración simultánea dun elevado número de variables en cada un dos xenotipos en avaliación. Por tanto, a redución do número de variables nunha ou poucas dimensións (índices) permitiría avaliar e clasificar os xenotipos dunha maneira eficiente, o que debería conducir a un proceso de selección con mellores ganancias xenéticas.

Daquela, Rosales Longo procedeu na súa investigación de doutoramento á avaliación de nove metodoloxías para o cómputo de índices de desempeño ou selección en xenotipos de cana de azucre do Estado III de Selección do Programa de Variedades de CENGICAÑA en Guatemala. A determinación do grao de axuste dos modelos dos índices, ademais da identificación das variables que mellor explican o desempeño dos xenotipos de cana de azucre, centraron outros dos obxectivos desta investigación.

Para acadar os resultados pretendidos, na investigación establecéronse catro experimentos con 513 xenotipos en dúas localidades diferentes, e cuxos resultados foron avaliados en dous anos consecutivos mediante 14 variables fenotípicas (a partir de 58 medicións). En total obtivéronse sete conxuntos de datos. A información analizouse mediante análises estatísticas descritivas unidimensionais, probas de “t”, análise de varianza (Anova, análise de modelos lineais mixtos, análises de regresión lineal, análise multidimensional de varianza (Manova), análise de compoñentes principais (ACP) e regresións Logit.

Estimáronse os scores de nove índices de selección (desempeño): Smith, Kempthorne e Nordskog, ESIM, RESIM, CP1, CP2, CP3, TAH e BLUP. As diferenzas en desempeño dos xenotipos para TAH foron altamente significativas, coa compoñente xenética como o factor máis determinante para a diferenciación, aínda que a interacción xenotipo × ambiente indicou a necesidade de ensaios comparativos en diversos ambientes. O pobre desenvolvemento en biomasa en dous dos ensaios non permitiu discriminar entre xenotipos en ningún dos índices aplicados.

O axuste dos índices de selección Smith, KN, ESIM, RESIM, e CPs non presentaron un patrón xeneralizado, polo que o axuste destes índices debe ser priorizados para cada conxunto de datos. Non se atopou unha función que ponderase apropiadamente todas as 14 variables en estudo. Os ACPs, as análises de varianza e as funcións lineais dos índices de desempeño indicaron que as variables con maior peso na variación foron: brixprom_1, pol_6, brixjugo_7, purity_8, peso5talks_2, diam_11, alt_10, fiber_14, flower_12, pith_13 e oqueinter_4. A variable flower_12 foi de interese unicamente na diferenciación xenética de variedades con flor.

A selección de xenotipos de cana de azucre segundo as regresións Logit foi función dos valores xenéticos determinados unicamente polo TAH e BLUP. BLUP optimizou os procedementos de selección de xenotipos e pode ser aplicado de forma rutineira nos procesos de avaliación e selección de xenotipos en condicións de cultivo en Guatemala. Por todo isto, o procedemento estatístico máis apropiado para diferenciar xenotipos de cana de azucre foi o Mellor Estimador Lineal Insesgado (BLUP) a partir da variable TAH. A utilización desta metodoloxía permitiu a selección de 25 xenotipos de cana de azucre cun incremento media do 22% no TAH (5.13 t) respecto das testemuñas utilizadas.

Tribunal de tese e cualificación

O catedrático da Universidade Politécnica de Madrid Federico Sau presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Fredy Uber Rosales Longo. O profesor titular da USC Agustín Merino e a investigadora do Ingacal Emilia Díaz Losada completaron a composición do xurado, que acordou outorgar a máxima cualificación académica o traballo realizado por este investigador centroamericano.

The contents of this page were updated on 01.18.2018.