Skip to main content

A Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo premia un artigo de investigadores de Ciencias Económicas

De esquerda a dereita, Luis Otero, Milagros Vivel e Rubén Lado.
De esquerda a dereita, Luis Otero, Milagros Vivel e Rubén Lado.

A Asociación Española de Expertos Científicos en Turismo (AECIT) outorgou o seu terceiro Premio ao Mellor Artigo de Investigación en Turismo a un artigo asinado por Luis Otero e Milagros Vivel Búa, da USC, Rubén Lado da Universidade da Coruña e Onofre Martorell Cunill da Universitat de les Illes Balears. O traballo analiza a relación do rendemento con características do destino turístico, da empresa hoteleira e o tempo. O xurado valorou o interese da investigación e a súa contribución ao turismo.

Concretamente, o equipo investigador analiza o impacto da estrutura do mercado na rendibilidade hoteleira a través dunha mostra de 8.992 hoteis españoles no período comprendido entre 2005 e 2011, utilizando simultaneamente variables relacionadas co hotel e o destino turístico ademais dos marcos estrutura-conducta-rendemento. Os resultados mostran que a rendibilidade depende en gran medida da estrutura do mercado e do nivel de demanda do destino turístico.

Segundo se desprende do artigo, as estimacións dos investigadores relacionan a rendibilidade coa estrutura do mercado (concentración do mercado) e co nivel de demanda (taxa de ocupación) en cada destino turístico. Polo tanto, sinalan no artigo os autores, a priori “a existencia dun alto nivel de demanda é un factor que atrae a creación de hoteis nun destino turístico debido ao seu efecto positivo na rendibilidade”, non obstante “observamos que os destinos turísticos con maior demanda tamén teñen unha menor concentración de mercado, o que ten un efecto negativo na rendibilidade”.

En opinión do equipo redactor é un artigo que presenta implicacións para a xestión hoteleira, “de acordo cos resultados obtidos para as variables de destino turístico, é importante elixir a combinación de nivel de demanda e concentración de mercado que maximice a rendibilidade ao aventurar proxectos”. Publicado co título ‘ Impact of location on profitability in the Spanish hotel sector’ na revista Tourism Management en febreiro de 2016, o artigo acumula 7 citas na base principal da Web of Science, a tan só unha de situarse no 1% de traballos máis citados do seu ano na área de Economía e negocios de acordo con InCites Essential Science Indicators. En opinión do equipo redactor, o indicador reflicte a actualidade do tema e a súa importancia para a investigación de primeiro nivel internacional.

Pola súa banda, a revista Tourism Management está incluída en Web of Science, dentro de Social Sciences Citation Index (SCCI) e no Journal Citation Report (JCR), onde rexistra un factor de impacto de 4.707 no ano 2016. Ademais ocupa o primeiro decil na súa principal categoría, estando indexada en ‘Management, ‘ Environmental studies’ e ‘Hospitality, leisure, sport & tourism”.

The contents of this page were updated on 01.18.2018.