Chega unha edición especial do concurso de pintura CreArte
O concurso de pintura CreArte na Universidade chega á súa sétima edición cunha convocatoria especial enmarcada nos actos do 50 Aniversario dos Estudos de Economía de Galicia. Así, este ano increméntase a dotación do premio ata os 700 euros e créase un accésit de 400. O prazo de presentación de traballos remata o 9 de marzo.
Dirixido a toda a sociedade, no certame cada concursante deberá presentar unha única obra inédita creada entre xaneiro de 2017 e febreiro de 2018 de temática e técnica libres e dunha dimensión non inferior a 50x50 centímetros nin superior a 120x120.
O xurado, presidido pola decana do centro, estará composto por membros da USC e da comunidade artística da contorna. Das obras presentadas deberán facer unha selección, que o 5 de abril conformará unha exposición temporal na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais coincidindo co Día do Patrón do centro.
A obra gañadora pasará a formar parte do patrimonio da Facultade e exporase durante un ano no seu ‘Espazo de Arte’ reservado para tal fin.