Aberta a matrícula para os cursos de idiomas do segundo semestre
O Centro de Linguas Modernas (CLM) mantén aberto o prazo de matrícula dos seus cursos para o segundo semestre así como a inscrición nos test de nivel para aquelas persoas que teñan coñecementos previos dun idioma. No Campus de Santiago a oferta do segundo semestre inclúe cursos de alemán, catalán, checo, chinés, danés, francés, inglés, italiano, portugués, xaponés, galego para non galego falantes e español como lingua estranxeira. Ademais destas dúas últimas, no Campus de Lugo a oferta contempla tamén alemán, francés e inglés.
O test de nivel está dirixido a aquelas persoas con coñecemento previos do idioma e que desexen matricularse nalgún deste cursos pero carecen do nivel asignado, ben polo propio CLM ou pola EOI nos últimos dous anos. Estes tests celebraranse entre os días 19 e 24 de xaneiro de 2018 en distintas localizacións en función do idioma escollido. As localizacións e datas precisas poden consultarse a través da secretaria virtual ou directamente no CLM.
Probas de competencia
Ademais da súa oferta estable de cursos ao longo de todo o curso, o CLM é o centro examinador para a comunidade universitaria da USC de alemán, inglés, francés, italiano e portugués en Santiago e de alemán, inglés, francés e portugués en Lugo para as probas B1 e B2 segundo as convocatorias dispoñibles no web do CLM.
Ademais, en calidade de centro delegado de diferentes entidades de prestixio internacional, o CLM organizará durante este segundo período académico do curso 2017-2018 máis probas para acreditar os niveis segundo o MECR, neste caso abertas a persoas alleas á USC. Entre outros, o CLM colabora co Goethe Institut, Instituto Cervantes, Japan Foundation, Università per Stranieir di Siena ou co British Council, entre outros.
O alumnado pode validar 25 horas por un crédito ECTS sempre que teñan o B1 acadado noutra lingua. Canto maior sexa o grao de coñecemento, máis créditos poderán acadarse segundo a normativa existente.