Skip to main content

Aberta ata o 4 de outubro a inscrición do ciclo ‘O galego ten saúde! Tres palestras’

Estudantes na aula. Foto: Santi Alvite
Estudantes na aula. Foto: Santi Alvite
Este ciclo de charlas impulsado pola Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Medicina e Odontoloxía desenvolverase os días 6, 13 e 21 de outubro co obxectivo de visualizar o bo estado do galego no exercicio das profesións sanitarias
Lugo, Santiago de Compostela

A Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Medicina e Odontoloxía organiza un ciclo de charlas que pretenden visualizar o bo estado do galego no exercicio das profesións sanitarias, a través das intervencións de especialistas da saúde mental, a atención primaria e da loita contra as drogo-dependencias. A inscrición pode formalizarse de balde nesta ligazón ata o 4 de outubro.

Co lema 'O galego ten saúde! Tres palestras',  todas as sesión terán lugar ás 20.00 horas no Salón de Actos do centro, e tamén poderán seguirse a través de Teams. As persoas matriculadas recibirán un diploma de asistencia por cinco horas de duración, sempre que asistan con regularidade ás tres charlas-coloquio, para o cal haberá control de asistencia.

Programa

A primeira das palestras será o vindeiro mércores 6. Dúas psiquiatras, Iria Veiga e Lucía del Rio, xunto coa psicóloga Rosa Cerqueiro e a enfermeira Sara Martínez, debullarán o estado da saúde mental en Galicia. O mércores 13 de outubro será a quenda de catro especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria. Miguel López del Pueyo introducirá a situación da atención primaria na comunidade autónoma; Carlos Eirea afondará nas áreas integradas; Jesús Sueiro, na cuestión da xestión dos recursos en atención primaria; e Susana Aldecoa, nas posibilidades da acción comunitaria para o coidado da saúde.

A atención ás drogo-dependencias centrará a derradeira sesión, o 21 de outubro. Nela intervirán os profesores da USC Francisco Caamaño, en relación ao consumo de alcol na mocidade; e Angelines Cruz, sobre os novos usos no consumo de drogas. Pola súa banda, o psiquiatra Xosé André explicará recursos e terapias na atención á drogo-dependencia.

The contents of this page were updated on 09.29.2021.