Comeza o programa do primeiro curso de especialización en Educación Emocional
A USC, o Seminario Permanente de Emocionalidade, Xéneros e Desenvolvemento Humano e a plataforma educativa Espacio Emociona desenvolven o primeiro curso de especialización en Educación Emocional que se leva a cabo en Galicia. O curso celebrarase entre xaneiro e xuño na Facultade de Ciencias da Educación dirixido tanto a educadores como a profesionais de calquera ámbito de traballo con persoas (psicólogos, pedagogos, orientadores laborais, responsables de recursos humanos,...).
A xornada inaugural do encontro celébrase este venres 12 ás 18.00 horas na Aula Frei Martín Sarmiento (Módulo A) da Facultade de Ciencias da Educación en Campus Vida. Está previsto que interveñan a vicerreitora de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social, Dolores Álvarez; a decana da Facultade, Carmen Fernández Morante; a directora do Instituto de Ciencias da Educación (ICE), Ana Mª Porto Castro; a directora do curso, Mª José Méndez Lois; e a coordinadora académica do mesmo, Ana Framiñán Fraga. Igualmente está prevista intervención por videoconferencia do médico psiquiatra Luis Rojas Marcos que realizará dende New York a conferencia inaugural. Igualmente, no acto tamén participará Rosa Casafont Vilar, médica experta en neurociencias que intervirá na segunda sesión do curso este sábado 13.
Cunha duración de 200 horas lectivas, o programa lectivo inclúe coñecementos teóricos e prácticos para a súa aplicación en ámbitos tan diversos como o educativo, social, empresarial ou o da saúde, impartidos por profesionais de referencias nas diferentes materias. A información relativa ao programa e equipo docente están dispoñibles na web do curso.