USC e Emigración dan a benvida aos novos alumnos e alumnas das bolsas Beme que estudarán un mestrado en Compostela
O reitor Antonio López e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, deron a benvida este martes aos 56 novos alumnos e alumnas que obtiveron a bolsa de Excelencia Mocidade Exterior (Beme). O acto desenvolveuse na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC e contou tamén coa participación do vicerreitor de Estudantes e Proxección Internacional da USC, Víctor Arce; do decano da Facultade, José Ramón Pousa; e da subdirectora de Retorno da Secretaría, Begoña Solís.
Os representantes da USC e da Secretaría Xeral da Emigración saudaron a estas mozas e mozos do exterior, tanto persoas galegas residentes fóra, como descendentes de persoas galegas, que obtiveron unha das 200 bolsas que oferta o departamento autonómico para realizar mestrados nunha das tres universidades da Comunidade durante o presente curso. Os novos bolseiros Beme están a realizar mestrados na USC centrados na formación relativa a enxeñarías, psicoloxía, dirección de empresas, xornalismo, atención sanitaria ou economía.
As bolsas de Excelencia Mocidade Exterior ampliáronse este ano, pasando das 150 o ano anterior, ás 200 desta quinta edición. Entre os beneficiarios deste ano atópanse galegos procedentes de Arxentina (18), Venezuela (10), Brasil (9), Cuba e Uruguai (5 en cada un), México, Panamá e Reino Unido (2 de cada un) e Alemaña, Colombia e Perú (1 de cada).
Durante o acto, ademais de manter un encontro presencial co novo alumnado, tamén se lles aportou información tanto sanitaria como de trámites administrativos, de cara a que poidan solucionar os diferentes problemas aos que se enfrontarán ao longo destes meses durante a súa estancia en Galicia. Deste xeito, un técnico da Consellaría de Sanidade ofreceulles unha charla sobre a normativa COVID actual en Galicia, así como sobre a vacinación, e posteriormente, persoal da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Emigrante Retornado, informounos das diferentes cuestións burocráticas a xestionar na Comunidade Autónoma, como o empadroamento, a xestión do DNI ou da tarxeta sanitaria. Os novos bolseiros Beme tamén puideron coñecer os membros da Asociación de Jóvenes Emigrantes Retornados en Galicia que os poderán asesorar e acompañar durante os próximos meses nesta nova etapa educativa.