Skip to main content

O proxecto da USC MultiGenera recibe unha das cinco axudas concedidas pola Fundación BBVA a equipos de investigación científica en Humanidades Dixitais

De esquerda a dereita, Carlos Valcárcel, María José Domínguez, María Teresa Sanmarco e Isaac González. Foto: Fundación BBVA
De esquerda a dereita, Carlos Valcárcel, María José Domínguez, María Teresa Sanmarco e Isaac González. Foto: Fundación BBVA

Seleccionado entre 143 propostas, o proxecto ‘Generación multilingüe de estructuras argumentales del sustantivo y automatización de extracción de datos sintáctico-semánticos’ (MultiGenera) da USC é un dos cinco proxectos de investigación científica en Humanidades Dixitais premiado pola Fundación BBVA. A convocatoria premia aqueles proxectos de investigación orientados a un uso innovador das tecnoloxías da información e de técnicas estatísticas avanzadas para o tratamento de obxectos propios das Humanidades. Os outros catro proxectos financiados por esta convocatoria desenvolveranse nas universidades de Girona, Lleira, Autónoma de Barcelona e Politécnica de Valencia.

O equipo de investigación está integrado por trece especialistas que coordina María José Domínguez Vázquez, xunto a quen tamén participa Teresa Sanmarco Bande, Mónica Mirazo Balsa e Laura Pino Serrano da Universidade de Santiago de Compostela. O resto do equipo confórmano: Rosa Martín Gascueña (Universidade Complutense de Madrid); David Lindemann (Universität Hildesheim); Natalia Catalá Torres (Universidade Rovira i Virgili); Carlos Valcárcel Riveiro (Universidade de Vigo); Isaac González López (CIFP Politécnico); Alberto Bustos Plaza (Universidade de Extremadura); José Antonio Calañas Continente (Universitat de València); Carolin Müller-Spitzer e Sascha Wolfer (Institut für Deutsche Sprache).

MultiGenera ten como principal obxectivo o deseño dun prototipo de aplicación lingüística didáctica que xere automaticamente estruturas nominais con información semántica. Dotando as estruturas nominais de significado, a busca en bases de datos léxicas de diferentes idiomas farase con maior rapidez e eficacia, de xeito que poderá ser un reforzo fundamental para a investigación en lingüística. Como o prototipo tamén creará estruturas incorrectas, isto vai permitir mellorar as regras polas que funcionan os tradutores automáticos, dotándoos así de maior rigor, precisión e similitude coa linguaxe natural (NLP).

O desenvolvemento de MultiGenera, que inicialmente vai traballar co castelán, o francés e máis o alemán, proporcionará numerosos exemplos útiles en varios ámbitos, como a docencia, a gramática contrastiva, os novos dicionarios (mesmo actualización dos antigos) ou a tradución automática.

The contents of this page were updated on 01.15.2018.