Confirman a hipótese que sustenta os informes psicolóxico forenses que avalían a realidade da declaración das vítimas

A valoración da proba é un elemento esencial para a toma de decisións xudiciais. Cando a declaración da vítima constitúe a única proba de cargo, os informes psicolóxico-forenses nos que se avalía a verosimilitude do testemuño, isto é, se contén criterios de realidade, atributos de memorias de orixe externo ou de feitos vividos/autoexperimentados –conxuntamente coa pegada psicolóxica resultante da vitimización dun delito–, resultan ser probas indiciarias críticas para dotar de valor de proba o relato do/da denunciante.
Por esta razón, a doutoranda Bárbara González Amado analizou a validez da hipótese Undeutsch na que se sustentan ditas probas: as memorias de feitos experimentados difiren en contido e calidade (criterios de realidade) das memorias fabricadas. Para iso, levou a cabo unha revisión meta-analítica da evidencia científica ao respecto. Os resultados amosaron un apoio á hipótese Undeutsch que se amosou válida en todo tipo de poboacións (i.e., menores, adolescentes, vítimas, testemuñas, encausados) e contextos, isto é, tipo de delito enxuizado. Porén, a ferramenta forense de uso común derivada da hipótese, o CBCA, conclúese que presenta diversas limitacións que o converten nun sistema semi-obxectivo, que non é fiable nin válido para a práctica forense.
Non obstante, dos resultados tamén se deriva que é posible crear ferramentas forenses baseadas en dita hipótese que sexan fiables e válidas, tal como o sistema categorial de contido ‘ SEG’ creado na USC e posto a disposición de tódolos xulgados de Galicia, e a que os resultados do meta-análise prestan apoio. Bárbara González entende que “aínda se pode avanzar no senso de axustar os sistemas categoriais de contido a cada contexto -agresións sexuais a mulleres, acoso laboral ou acoso escolar- de xeito que se incremente a súa eficacia no apoio do testemuña das vítimas.
Problemas a posteriori
Na súa tese doutoral, que dirixiron Ramón Arce e Francisca Fariña, pretendeu tamén botar luz sobre a magnitude do dano psicolóxico manifestado como consecuencia da vitimización dun delito de abuso sexual na infancia.
A partir da análise de 91 estudios primarios, Bárbara González chegou á conclusión de que esa vitimización predispón á aparición de problemas de axuste psicolóxico a longo prazo. “Concretamente –explica Bárbara González–, as vítimas teñen un 70% máis de probabilidades de desenvolver mais síntomas internalizantes, propios da depresión ou ansiedade que os que non foron vítimas, así como arredor dun 30% de manifestar un trastorno psicolóxico, sendo maior dita taxa para as mulleres que foron vítimas de abuso infantil, 42%, que para os homes, 24% ”.
En termos de prevalencia a diagnose dun trastorno depresivo e ansioso é 5.40 e 2.43 veces máis frecuente, respectivamente, en vítimas que en non vítimas. Así mesmo, a probabilidade de desenvolver unha secuela psíquica crónica en depresión (distimia) foi significativamente superior a unha máis severa. Finalmente, no estudo observouse que as mulleres mostran un 9% máis de dano que os varóns en depresión, aínda que eles informan de maiores niveis de sintomatoloxía ansiosa que elas.
Sobre a importancia destes achados, a investigadora da USC resalta que van permitir aos forenses anticipar a xuíces, xuízas e tribunais os efectos futuros da vitimización de abuso sexual na saúde mental así como a magnitude do dano. O seu valor radica en que a idades temperás raramente se constata dano na saúde das nenas e nenos vítimas, que si aparece mais adiante. Isto permitirá que o lexislador axuste mellor as condenas ao dano así como a xuízas, xuíces e tribunais decidir sobre a base dos danos reais que produce a vitimización de abuso sexual infantil.
A tese ‘Evaluación forense de la credibilidad del testimonio y sintomatología internalizante en delitos cometidos en la esfera privada’, realizada no marco da Unidade de Psicoloxía Forense de la USC, acadou a cualificación de sobresaliente cum laude.
Bárbara González, segunda pola esquerda, cos directores e tribunal da tese