Skip to main content

Docentes de economía e empresa de ensino medio e superior compartirán coñecementos a finais de mes na USC

Docentes de economía e empresa de ensino medio e superior compartirán coñecementos a finais de mes na USC
Docentes de economía e empresa de ensino medio e superior compartirán coñecementos a finais de mes na USC

A Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC será o vindeiro día 26 deste mes o espazo de encontro de docentes de ensinanza media e universitaria no que tratar cuestións de interese común co obxecto de mellorar a formación do profesorado, a calidade da docencia e o fomento dos estudos de Economía e Empresa en Galicia.

A xornada inauguraraa José Sande, profesor de secundaria da especialidade de Economía no IES Gil y Carrasco de Ponferrada (León), referente en España en economía, empresa e educación financeira e autor dun dos blogs máis seguidos polos docentes neste ámbito, https://josesande.com/. Os seus materiais didácticos gratuítos (librosdetextogratis.com) empréganse en gran parte dos institutos españois e a súa serie de 6 cómics divulgativos sobre educación financeira editouse en China con máis de 30.000 exemplares vendidos.

Para participar no encontro, enmarcado no 50 aniversario dos estudos de Economía en Galicia, é preciso inscribirse, con data límite este venres 19. Nel abordaranse cuestións como os cambios derivados da lexislación educativa e da economía dixital, a imaxe e a percepción social destes estudos, a importancia das competencias transversais ou os novos modelos económicos.

Olimpíada de economía A xornada servirá ademais para difundir e promover a participación en marzo do alumnado de Bacharelato na fase galega da Olimpíada de Economía, cuxa fase estatal terá lugar do 25 a 27 de xuño na Facultade compostelá de Ciencias Económicas e Empresariais.

The contents of this page were updated on 01.17.2018.