Skip to main content

A VIII Xornada de Usuarios de R en Galicia promociona o coñecemento desta linguaxe estatística e as súas aplicacións

VIII Xornada de Usuarios de R en Galicia
O programa contempla preto dunha vintena de relatorios ao longo de todo o día. FOTO: Santi Alvite
A través dunha vintena de relatorios e dunha táboa redonda sobre o influxo da COVID-19, o foro pretende ser un punto de encontro para todas aquelas persoas interesadas en intercambiar as súas experiencias e atopar colaboracións do resto da comunidade
Santiago de Compostela

A VIII Xornada de Usuarios de R en Galicia que se celebra este xoves na Facultade de Dereito da USC, pretende ser un punto de encontro para todas aquelas persoas interesadas en intercambiar as súas experiencias e atopar colaboracións do resto da comunidade. Organizada pola Asociación de Usuarios de Software Libre da Terra de Melide (Melisa), en colaboración coa Oficina de Software Libre do CIXUG e a Facultade de Matemáticas da USC, e patrocinada pola AMTEGA, inclúe relatorios e talleres co obxectivo de promocionar o coñecemento da linguaxe estatística R e as súas aplicacións.

O programa contempla preto dunha vintena de relatorios ao longo de todo o día. Ademais, a xornada alberga unha mesa redonda dedicada a discutir o influxo da COVID-19 no eido de análise do congreso. Entre os participantes figuran especialistas do Instituto Español de Oceanografía (IEO), da Consellaría de Sanidade, do Instituto Galego de Estatística, das tres universidades galegas, así como doutras institucións estatais como son a Universidade de Castela A Mancha, Oviedo, Complutense de Madrid, Universidade de Valencia, así como o Centro de Investigación de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (CITIC), Instituto de Biomecánica de Valencia, International Centre for Numerical Methods in Engineering (CIMNE) e de empresas como Nextail ou Kstats, así como representación do Colexio Manuel Peleteiro de Santiago de Compostela.

The contents of this page were updated on 10.14.2021.