Skip to main content

Formación do Profesorado e a EPS de Enxeñaría celebran este sábado actos de graduación das novas promocións de titulados

Antonio López, preside, ás 18.00 horas, en Veterinaria, a sesión dos novos mestres, e as vicerreitoras Montserrat Valcárcel e Celia Besteiro conducirán os actos programados na EPS de Enxeñaría ás...
Lugo

A Facultade de Formación do Profesorado e a Escola Politécnica de Enxeñaría Superior do campus de Lugo da USC celebrarán este sábado 29 de xuño os actos académicos das últimas promocións de estudantes que completaron os estudos de grao en Mestre en Educación Infantil, Mestre en Educación Primaria, Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Civil e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural no período 2015-2019.

Enxeñaría Civil e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserat Valcárcel, presidirá, a partir das 17.00 horas, no salón de actos da EPS de Enxeñaría de Lugo, o acto de graduación das últimas promocións de titulados e tituladas nos graos en Enxeñaría Civil e Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, unha sesión conxunta que terá como protagonistas a máis dos vinte mozos e mozas que completaron algunha destas titulacións universitarias no período 2015-19.

O director da EPS de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta, tamén participará na celebración deste acto académico no que intervirán os decano do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia, Fernando Enjamio Gándaras, e do decano do Colexio Oficial de Obras Públicas de Galicia, José Fernández Paraje. O catedrático do Departamento de Produción Vexetal da USC Antonio Rigueiro intervirá na sesión como padriño nos novos graduados e graduadas en Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, en representación dos que falarán Domingo José Rodríguez e Jésica Díaz. Asemade, o profesor Aberte Castro Ponte oficiará como padriño na última promoción do grao en Enxeñaría Civil, da que Miguel Pardo de Castro intervirá en presentación do alumnado.

Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria

A vicerreitora de Organización Académica da USC, Celia Besteiro, presidirá este sábado 29 de xuño, a partir das 18.30 horas, no salón de actos da EPS de Enxeñaría do campus de Lugo, o acto de fin de grao da segunda promoción de titulados en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, unha sesión que terá como protagonistas a 24 mozos e mozas que completaron esta formación no período 2015-2020.

A profesora Josefina Hernández Nistal actuará como madriña desta nova promoción de titulados en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, no marco dunha sesión na que tamén intervirán o director da EPS de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta; o presidente do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas de Lugo, Marcos Vázquez Marey, e Anxo Ferreira e David López, en representación da nova promoción de titulados e tituladas.

Acto de fin de grao de Mestre en Educación Infantil e Mestre en Educación Primaria

A Facultade de Formación do Profesorado do campus de Lugo da USC celebrará este sábado 29 de xuño, a partir das 18.00 horas, no auditorio da Facultade de Veterinaria de Lugo, o acto de graduación da sexta promoción de titulados en Mestre/a en Educación Infantil e Mestre/a en Educación Primaria, unha sesión na que tomarán parte máis dun centenar de estudantes que cursaron estes graos no centro universitario lugués no período 2015-2019.

O reitor da USC, Antonio López Díaz, presidirá esta sesión académica de imposición de bandas e entrega de diplomas aos futuros mestres e mestras, no marco dunha sesión que tamén intervirá a decana da Facultade de Formación do Profesorado, Carmen Sarceda Gorgoso, e o vice decano do centro universitario lugués, Santiago López Gómez, así como as profesoras Montserrat Pena Presas, que actuará como madriña da nova promoción do grao en Mestre en Educación Infantil, e Uxía Filgueira Garrido, que apadriñará ao alumnado da sexta promoción de graduados e graduadas en Mestre en Educación Primaria.

Os estudantes Natalia Piñeiro e Sandra Espín intervirán na sesión en representación da quinta promoción do grao de Mestre en Educación Primaria, mentres que Minerva Varela, Natalia Álvarez, Ana Añel e Nicole Pazos actuarán en representación do resto de integrantes da nova promoción de grao de Mestre en Educación Infantil.

The contents of this page were updated on 01.03.2020.