Comezou no Paraninfo da Universidade a XXIV Conferencia da Asociación Europea de Economistas Pesqueiros
O Paraninfo da Universidade acollerá ata o xovez 4 a XXIV Conferencia da Asociación Europea de Economistas Pesqueiros (EAFE) que nesta ocasión organiza o grupo EcoPesca (Investigación en Economía de Pesca e Recursos Naturais) da USC co lema ‘Buscando o azul: economía da pesca e da acuicultura post-millenaria’. Inaugurado este martes 2 en Xeografía e Historia, o encontro ten como obxectivo proporcionar un foro para a difusión dos últimos avances na captura de pesca e na economía e xestión da acuicultura e para promover a discusión entre persoal investigador, de xestores, responsables políticos e outras persoas interesadas no sector pesqueiro.
Tal e como destaca o profesor Gonzalo Rodríguez, responsable do comité organizador, o encontro servirá sobre todo como “un espazo de moita proximidade entre a investigación, a Administración e, en parte tamén, as empresas”. Precisamente, e aínda que é un congreso fundamentalmente académico, nesta edición quere enfatizarse particularmente o diálogo con outros axentes distintos dos puramente científicos.
Así, no congreso europeo participan todas as administracións involucradas na pesca en Galicia -Consellaría do Mar, Secretaría Xeral de Pesca, DG Mare e EFCA (European Fisheries Control Agency)- pero tamén organismos consultivos como o Long Distance Advisory Council (LDAC) e empresas como Pescanova. A conferencia tamén ten como obxectivo contribuír á discusión en curso dentro da revisión da Política Pesqueira Común e tratará todos os grandes temas da economía pesqueira europea como os descartes, a economía azul, o cambio climático, as pesqueiras artesanais, os mercados ou os subsidios.