Skip to main content

A USC pon en valor a súa pegada científica e investigadora na celebración da festividade de San Alberte Magno

De esquerda a dereita, Elena López, Elena Vázquez, Francisco Fraga, Antonio López, Pilar Bermejo e Teresa Taboada, na Facultade de Ciencias da USC
De esquerda a dereita, Elena López, Elena Vázquez, Francisco Fraga, Antonio López, Pilar Bermejo e Teresa Taboada, na Facultade de Ciencias da USC
O reitor Antonio López preside en Lugo o acto conmemorativo do patrón das facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química
Lugo, Santiago de Compostela

O reitor da USC, Antonio López, preside este luns, no salón de actos José Rodríguez Mourelo, da  Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC, a celebración da festividade de San Alberto Magno no marco dunha sesión académica que congregou as decanas e decanos das facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Química e Matemáticas da USC e que serviu tamén para dar visibilidade e por en valor o potencial e a pegada científica e investigadora da institución académica compostelá.

A posición da USC nos primeiros treitos dos distintos ránkings internacionais de I+d+i dá conta do bo facer do persoal docente e investigador da Universidade, sinalou o reitor Antonio López no marco da celebración da festividade de San Alberte Magno, una sesión que serviu tamén para formalizar a entrega de galardóns ás tres mulleres premiadas na oitava edición do concurso fotográfico ‘A Ciencia en Imaxe’, un certame promovido polas facultades da USC afectadas polo padroado de San Alberte Magno xunto coa Real Academia de Ciencias de Galicia.

A catedrática da área de Tecnoloxía dos Alimentos da USC Ángeles Romero abriu esta celebración académica co relatorio ‘Soberanía alimentaria e saúde. Retos e oportunidades’, unha exposición na que fixo unha análise global da situación da actualidade, cando os desfases da alimentación no mundo deparan tanto altas porcentaxes de persoas con sobrepeso e obesas como de homes, mulleres e nenos e nenas que presentan problemas asociados á malnutrición.

Do global ao particular, a profesora Ángeles Romero entrou a debullar algún dos postulados que defende a soberanía alimentaria, entre os que se atopan a alimentación saudable e sostible, ou o consumo de produtos frescos e de proximidade. O variado e documentado patrimonio gastronómico de Galicia e as potencialidades que ofrecen os seus sectores primarios (agricultura, gandería, pesca…) para facer fronte e limitar o consumo de produtos ultraprocesados e pouco saudables que trae consigo a globalización, vertebrou outro dos eixos do relatorio ofrecido por Ángeles Romero.

A catedrática da USC na Facultade de Ciencias tamén puxo en valor a formación impartida no centro universitario lugués ás novas xeracións de profesionais en nutrición e dietética, unha figura que demandou incorporar os centros sanitarios de Atención Primaria, ao tempo que tamén salientou o labor que está a desenvolver a Cátedra do Pan e do Cereal, na que colaboran 30 investigadores, a prol da soberanía alimentaria.

As reflexións transmitidas por Ángeles Romero na súa lección mereceron os parabéns do reitor da USC, e dos decanos e decanas das facultades de Ciencias, Francisco Fraga; Química, Pilar Bermejo; Matemáticas, Elena Vázquez Cendón; Bioloxía, Teresa María Rodríguez, e Física, María Elena López, así como da ampla representación de docentes e investigadores, entre as que estaba a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel; ademais, entre outros, da alcaldesa e o tenente de alcalde do  Concello de Lugo, Lara Méndez e Rubén Arroxo, respectivamente. A celebración que chegou ao seu colofón coa entrega de premios do VIII Concurso de Fotografía ‘A Ciencia en Imaxe’.

Premios ‘A Ciencia en Imaxe’

A vicedecana da Facultade de Ciencias, Asteria Luzardo, foi a encargada de ler o fallo do xurado do certame, unha convocatoria dotada con 500 euros en premios. Elena Mora Cuesta acadou o primeiro  galardón, pola imaxe ‘Luna a todo color’; Josefina González Campoy finalizou segunda con ‘La mirada de la naturaleza’ e María Pilar Vázquez Tato acadou o terceiro premio coa imaxe ‘Outras luces, outras miradas’.

The contents of this page were updated on 11.26.2021.