Skip to main content

“Estamos facendo realidade o proxecto ambicioso que necesita a Facultade de Farmacia”

O obxecto desta reunión foi consensuar unha postura común de cara ás negociacións que se están a desenvolver para que esta Facultade conforme “un proxecto prioritario” dentro do Plan de Infraestruturas  que a USC negocia co goberno autonómico.
O obxecto desta reunión foi consensuar unha postura común de cara ás negociacións que se están a desenvolver para que esta Facultade conforme “un proxecto prioritario” dentro do Plan de Infraestruturas  que a USC negocia co goberno autonómico. FOTO: Santi Alvite
O reitor e o xerente da USC, así como o decano do centro, mantiveron unha xuntanza con axentes do sector farmacéutico para presentar unha postura común de cara ás negociacións que a Universidade mantén co goberno autonómico co gallo do Plan de Infraestruturas
Santiago de Compostela

“Non estamos no territorio das ideas, estamos facendo realidade o proxecto ambicioso que necesita a Facultade de Farmacia”, así se referiu o reitor Antonio López á folla de ruta que está a executar a USC logo de manter unha xuntanza de traballo con distintos representantes do sector farmacéutico. O obxecto desta reunión foi fixar unha postura común de cara ás negociacións que se están a desenvolver para que esta Facultade conforme “un proxecto prioritario” dentro do Plan de Infraestruturas  que a USC negocia co goberno autonómico.

Na reunión tamén tomaron parte o xerente da USC, Javier Ferreira; o decano do centro, Francisco Otero Espinar; Manuel Puga Pereira, presidente da Real Academia de Farmacia de Galicia; Héctor Castro, presidente do Colexio de Farmacéuticos de A Coruña; Irene Zarra, xefa de servizo de Farmacia do CHUS; Purificación López, do Grupo Cofares; Miguel Reviejo, en representación de Bidafarma; así como Emilio Laxe, en representación do alumnado. Tamén tomaron parte representantes de Cofano. Todas as partes coincidiron na necesidade de sumar forzas para buscar unha solución xa que isto é o que “o alumnado do centro merece”, tal e como subliñou Francisco Otero Espinar.

“Está practicamente rematada a preparación da parcela cos dous novos viais que a envolven e que se construíron no Campus Sur”, sinalou Antonio López.  Será aí, neses 12.000 metros cadrados edificables, onde se sitúe o centro como parte do proxecto modular de Cidade da Saúde que tamén albergará outros espazos de investigación, así como a Facultade de Enfermaría. O concurso de ideas que permita materializar o proxecto xa está tamén en marcha.  “É importante trasladar esta postura unánime de todo o sector ás instancias políticas”, dixo o reitor xa que “isto non é un parche, é o proxecto que o centro precisa”.

The contents of this page were updated on 11.17.2021.