USC e RTVE crean unha cátedra institucional sobre medios de servizo público en Europa
O reitor Antonio López e o presidente de Radio Televisión Española (RTVE), José Manuel Pérez Tornero, asinaron este xoves, de forma telemática, un convenio de colaboración mediante o que se crea a Cátedra RTVE-USC sobre medios de servizo público en Europa. A cátedra, dirixida polo profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación, José Miguel Túñez López, ten como obxectivo a investigación aplicada á evolución destes medios, así como ao concepto de valor público. “A cátedra traballará nunha definición deste concepto, cales son os indicadores que o definen e en facer propostas a RTVE para avanzar neste ámbito”, sinalou o profesor Túñez, quen destacou que “asumimos con moitas gañas e como un reto poder traballar neste ámbito”.
O reitor amosouse agradecido a RTVE por elixir a USC como socia estratéxica a través dunha cátedra, o que supón “vocación de permanencia”. Ademais, Antonio López quixo subliñar a implicación da Facultade de Ciencias da Comunicación pola súa oferta educativa e capacidade investigadora “con grupos novos e potentes”. Xunto ao reitor, tamén estivo presente na sesión, Gumersindo Feijoo, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade.
Este convenio permitirá valorar o impacto cultural de RTVE “comparándoo co que sucede noutros países”, explicou Pérez Tornero. “Precisamos facer xornalismo de calidade, o que implica unha reflexión previa sobre o labor que se fai neste ámbito”, engadiu. “A idea de desenvolver unha cátedra entronca coa aspiración de crear unha Rede de excelencia coas universidades que axude á transformación do servizo público”, destacou tamén o presidente de RTVE. Da USC como socia no marco desta cátedra, destacou o prestixio, a calidade, e a súa posición destacada no mapa universitario.
Eidos de actuación
Unha das metas contempladas no convenio é a análise da evolución no ámbito informativo dos medios de servizo público europeos, mediante unha vixilancia periódica de formatos de programas, así como a identificación e o estudo de casos de éxito. Tamén se abordará a través desta cátedra institucional, o valor público nos medios europeos e, en particular, en RTVE. O ‘valor público’ é entendido como “un concepto que engloba e amplía os distintos valores vinculados ao sistema audiovisual público, apelando conxuntamente á súa calidade, o seu impacto e a súa responsabilidade social corporativa”, sinala o texto do convenio. Neste senso, a cátedra aspira a traballar na elaboración dunha definición do ‘valor público’ de RTVE; establecer indicadores que permitan avaliar a creación do valor público nas súas distintas dimensións; e deseñar estratexias de comunicación de ese ‘valor público’.