Skip to main content

Xosé M. Núñez Seixas gaña o V Premio Internacional de Ensaio Walter Benjamin

Núñez Seixas xa foi distinguido co Premio Nacional de Ensaio en 2019. FOTO: CCG
Núñez Seixas xa foi distinguido co Premio Nacional de Ensaio en 2019. FOTO: CCG
A obra galardoada titúlase ‘Volver a Stalingrado: la guerra germano-soviética en la memoria europea, 1945-2021’ e verá a luz en forma de libro en 2022
Santiago de Compostela

O catedrático de Historia Contemporánea da USC, Xosé M. Núñez Seixas, acaba de gañar o V Premio Internacional de Ensaio Walter Benjamin, outorgado polo Museo Memorial de L’Exili (MUME) e a Cátedra Walter Benjamin da Universidade de Girona, co ensaio titulado Volver a Stalingrado: la guerra germano-soviética en la memoria europea, 1945-2021.  A publicación en forma de libro verá a luz no ano 2022.

Doutor en Historia Contemporánea polo Instituto Universitario Europeo de Florencia (1992) cunha tese sobre a cuestión das nacionalidades na Europa de entreguerras, Núñez Seixas é catedrático de Historia Contemporánea na USC dende outubro de 2007. Ademais, entre 2012 e 2017, ocupou a cátedra de Historia de Europa nos séculos XIX e XX na Universidade Ludwig-Maximilian de Múnich. Na actualidade é tamén vicepresidente do Consello da Cultura Galega, onde dirixe o Arquivo da Emigración Galega.

Os seus ámbitos de investigación  abranguen, entre outros, os movementos nacionalistas europeos en perspectiva comparada; nacionalismos galego, vasco e catalán; a cuestión nacional na Europa de entreguerras; o nacionalismo español no século XX; identidades locais, rexionais e territoriais en España e Europa nos séculos XIX e XX; historia cultural da guerra e da violencia, con especial referencia á guerra civil española e a fronte rusa durante a Segunda Guerra Mundial; a emigración española cara América Latina , séculos XIX e XX, con especial referencia á emigración galega; historia transnacional dos nacionalismos, do fascismo e das identidades políticas; así como historia e memoria na Europa do século XX.

En 2019, foi distinguido co Premio Nacional de Ensaio pola súa obra Suspiros de España. El nacionalismo español 1808-2018. O catedrático da USC foi tamén recoñecido en 2020 pola súa obra De imperios e danzas: poéticas da pluralidade territorial no fascismo español (1930-1975) co Premio Ramón Piñeiro de ensaio.

The contents of this page were updated on 11.19.2021.