Skip to main content

As mulleres sitúan a taxa de actividade emprendedora en Galicia no 4,3% malia a pandemia, segundo o informe GEM

Mocidade universitaria
Mocidade universitaria
A profesora da USC e directora técnica do equipo GEM Galicia, Isabel Neira, sinala na Facultade de ADE do Campus de Lugo que a COVID diminuíu ingresos, empeorou expectativas e aumentou as dificultades para crear empresas no marco do acto de presentación dun estudo elaborado a partir de datos de setembro de 2020
Lugo, Santiago de Compostela

A taxa de actividade emprendedora en Galicia situouse no 4,3% en Galicia no ano 2020, segundo recolle o informe executivo GEM Galicia 2020-21, que constata, do mesmo xeito que en anos anteriores, que o impulso emprendedor entre as mulleres (5%) é superior ao da poboación masculina (3,5%). A profesora da USC e directora técnica do equipo GEM Galicia, Isabel Neira, deu conta destes datos este venres na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo no marco da presentación dun estudo elaborado a partir de datos compilados en setembro de 2020 e no que se constata que a pandemia provocada pola COVID-19 diminuíu sensiblemente os ingresos das iniciativas emprendedoras, empeorou as expectativas e aumentou as dificultades para crear unha empresa.

A crise derivada da pandemia provocou un lixeiro parón da actividade emprendedora, sinalou Neira, ao tempo que salientou a capacidade de resilencia dos emprendedores, dado que, segundo o informe executivo GEM Galicia 2020-21, un 7% das persoas con iniciativa emprendedora pretende dar continuidade aos seus proxectos no futuro.

O estudo identifica tamén o perfil da persoa emprendedora en Galicia, cuxa idade media está arredor dos 40 anos. Aumenta tamén a porcentaxe de homes e mulleres con estudos de formación profesional e  superiores (o 43% dos emprendedores e o 39% no caso das emprendedoras), ao tempo que a porcentaxe dos emprendedores/as con  estudos de posgrao representa xa preto dun terzo (un 28%). O carácter innovador da propostas (19%) e a ambición de poder xerar emprego en plena pandemia (un 15% dos casos) son dúas das características advertidas nun informe que apunta a falta de oportunidades no mercado de traballo como motivación de sete de cada dez iniciativas. As propostas que nacen coa idea de diferenciación pasan do 35% en 2019 ao 21% en 2020, mentres que a tradición familiar continúa como motor do 28% dos casos.

Impacto COVID
O impacto da COVID supuxo para as iniciativas emprendedoras unha importante diminución de ingresos (no 58% dos casos), mais dificultades na creación de empresas e dun xeito mais acusado nas de menos idade (76%), un empeoramento das súas expectativas. Aínda así, o 34% dos propietarios de empresas xa consolidadas ven oportunidades na crise da COVID.

Máis da metade dos emprendedores galegos teñen intención de seguir xerando emprego, e ao redor dun 20% puxo en marcha innovacións en produtos e servizos, o 15% no caso de innovación en procesos. Sen embargo, o medo a fracasar e a percepción de poucas oportunidades para emprender continúan a ser os principais freos a actividade. Malia a estes problemas estruturais, as iniciativas galegas en 2020 continuaron a aumentar o seu nivel tecnolóxico e avanzan no seu grao de internacionalización (pasando do 8% en 2019 ao 15% en 2020).

Representación institucional

A presentación do último informe executivo GEM Galicia congregou este venres na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus de Lugo unha ampla representación institucional, entre a que cómpre destacar a presenza do director do Igape, Fernando Guldrís; a directora do equipo GEM Galicia, Loreto Fernández; o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata; a tenente de alcaldesa do Concello de Lugo Ana González Abelleira ou o deputado provincial Pablo Rivera Capón, ademais de estudantes e docentes da USC.

O Global Entrepreneurship Monitor (GEM) é un observatorio internacional liderado pola USC e nado ao abeiro dun convenio entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) da Xunta de Galicia e a USC, cuxo obxectivo é analizar e avaliar o impacto da actividade emprendedora no crecemento económico, como factor determinante para o desenvolvemento e benestar das sociedades nas que ten lugar. En Galicia, o equipo GEM constituíuse en 2005, data desde a que elabora con periodicidade anual un informe sobre a actividade emprendedora na comunidade autónoma a partir de datos recollidos entre a poboación adulta (Adult Population Survey) e de persoas expertas do ecosistema emprendedor (National Experts Survey).

Mesa redonda sobre emprendemento no sector agroalimentario

Unha vez rematada a presentación do último informe GEM Galicia, o decano da Facultade de ADE da USC, Roberto Bande Ramudo, moderou unha mesa redonda sobre emprendemento no sector agroalimentario na que tomaron parte como relatores Sergio Martínez, de Innolact; Noemí Rodríguez, de Himikode, e Inmaculada Rodríguez, en representación de UNIRISCO.

 

Isabel Neira, directora técnica do informe GEM Galicia 2020-2021, na Facultade de ADE
Isabel Neira, directora técnica do informe GEM Galicia 2020-2021, na Facultade de ADE
De esquerda a dereita, Pablo Rivera, Fernando Guldrís, Varela Zapata, Ana González e Loreto  Fernández, na Facultade de ADE
De esquerda a dereita, Pablo Rivera, Fernando Guldrís, Varela Zapata, Ana González e Loreto Fernández, na Facultade de ADE
The contents of this page were updated on 11.26.2021.