Skip to main content

Un banco de recursos didácticos para aulas hospitalarias, recoñecido nos Premios Educacompostela

Na actualidade, a web conta con recursos organizados por destinatarios
Na actualidade, a web conta con recursos organizados por destinatarios
‘A maleta de emerxencias pedagóxicas’ veu a luz no curso 2018-2019 como froito das materias Pedagoxía Hospitalaria e Deseño e avaliación de materiais didácticos do último curso de grao en Pedagoxía da USC
Santiago de Compostela

Os premios Educacompostela acaban de recoñecer co primeiro premio, na súa décimo terceira edición, a iniciativa da USC ‘A maleta de emerxencias pedagóxicas’, un banco de recursos para aulas hospitalarias creado no marco dun proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) e coordinado por Yésica Teijeiro Boo, Tania Caamaño Liñares e Jesús Rodríguez Rodríguez. Os galardóns Educacompostela naceron para outorgarlle visibilidade a aqueles materiais educativos que polo seu valor e interese poidan contribuír ao desenvolvemento educativo de Galicia, favorecendo a innovación, a calidade na educación e a renovación pedagóxica.

O proxecto da USC distinguido presentou nesta edición case 30 materiais didácticos, en lingua galega, en formato impreso e dixital e un banco de recursos que aglutina preto de 1.000 materiais didácticos cos que traballar nas aulas hospitalarias. “Dende o equipo da Maleta agradecemos tanto ao alumnado da Facultade de Ciencias da Educación como ao alumnado, familias e profesorado das Aulas Hospitalarias de Santiago de Compostela e Ferrol as gañas, o esforzo, o tempo e a ilusión que depositaron neste proxecto que comezou a súa andaina no curso 2018-2019”, sinalan os impulsores desta iniciativa.

A través da colaboración entre as materias de Pedagoxía Hospitalaria e Deseño e avaliación de materiais didácticos do último curso de grao en Pedagoxía da USC, neste proxecto tomou parte todo o alumnado seleccionando recursos educativos dirixidos a aulas hospitalarias. O resultado é un banco de recursos que “organiza, clasifica e difunde todo o material tratado”. No seu desenvolvemento tamén colaborou a Aula Hospitalaria do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela.

Na actualidade, a web conta con recursos organizados por destinatarios (segundo idades, atendendo ás franxas comprendidas entre 0-6, 6-12 e 12-16, así como para profesionais e familias), videoxogos e aplicacións, contos e libros, blogues, así como páxinas web ou películas e documentais, entre outros recursos. Ademais do material específico, “a intención deste proxecto é que en futuros cursos académicos a Maleta siga medrando coa implicación do novo alumnado que curse as materias, achegando o seu punto de vista para actualizar e ampliar os contidos deste banco de recursos comunitario”, explican os investigadores.

Algúns dos recursos contan con distintas opcións (como estar dispoñibles en distintos sistemas operativos), ademais de que a localización de material tamén se pode realizar a través da ferramenta de busca utilizando os criterios que nos achegan distintas posibilidades á nosa consulta. As persoas interesadas contan cun vídeo explicativo que mostra as distintas posibilidades de interacción coa web.

The contents of this page were updated on 11.22.2021.