Veterinaria súmase ao Plan Nacional de Resistencia a Antibióticos para contribuír ao bo uso destes medicamentos
A Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC acaba de formalizar a súa adhesión ao plan estratéxico para reducir o risco de selección e diseminación de antibióticos posto en marcha pola Axencia Nacional de Medicamentos e Produtos Sanitarios ao abeiro do Pan Nacional de Resistencia a Antibióticos, segundo indicou a profesora do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da USC e representante da USC nesta iniciativa de ámbito estatal, Cristina Carrera.
A Facultade de Veterinaria de Lugo convértese deste xeito no primeiro centro da USC en formalizar a súa incorporación a un programa de ámbito estatal, que está aberto á progresiva incorporación de facultades nas que se imparten titulacións e grao ligadas aos ámbitos sanitarios e de ciencias da saúde, así como outros graos afíns, tal e como pode ser o caso de Socioloxía.
O obxectivo prioritario desta nova actuación estratéxica non é outro que o de combater a problemática que está xerar a crecente resistencia a antibióticos, subliña Cristina Carrera, quen lembra que esta iniciativa reflexa o compromiso firme do estamento universitario por achegar a súa particular contribución á loita contra as resistencias.
“O mal uso ou abuso de antibióticos é un problema pouco menos que histórico”, subliña Carrera, ao tempo que rememora as diversas iniciativas en marcha ou xa desenvolvidas desde as administracións para combater esta problemática. Neste senso, esta investigadora do Campus Terra da USC adiantou que unha das primeiras accións coas que a USC fará visible a súa implicación no PRAN será a incorporación á súa web institucional dunha ligazón á Pranteca, tal e como se coñece o repositorio virtual de material científico e tamén audiovisual sobre esta temática que se atopa aloxado na Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios.
A Pranteca, que entre outro material inclúe casuística clínica achegada desde a Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC así como doutros moitos centros universitarios de España, aspira a converterse nunha biblioteca á que poden acceder tanto estudantes como docentes interesados en ampliar os seus coñecementos sobre o ámbito da resistencia aos antibióticos, explicou Carrera.
Alén desta actuación, que denota unha clara orientación académica, o PRAN tamén contempla outras actuacións de carácter social, tal e como poden ser a organización unha cita deportiva que leva por nome ‘Corre sen resistencias’ ou as ‘Olimpiadas PRAN’, unha sorte de obradoiros participativos nos que as persoas participantes recrearán en propia persoa os efectos e consecuencias provocadas polo mal uso de antibióticos e as resistencias que xeran.