Skip to main content

Comezan os traballos de exhumación da fosa do cemiterio de San Pedro de Filgueira

Búscase o corpo de César Alberte Domínguez, natural de Arnoia (Ourense), onde traballaba como carpinteiro, sendo concelleiro en 1936
Búscase o corpo de César Alberte Domínguez, natural de Arnoia (Ourense), onde traballaba como carpinteiro, sendo concelleiro en 1936
Estas actuacións son froito do traballo desenvolvido por un equipo interdisciplinario da USC no marco do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática
Santiago de Compostela

O Equipo interdisciplinario da USC encargado de executar o Plan Cuadrienal de Memoria Democrática iniciou este mércores os traballos de exhumación da fosa do cemiterio de San Pedro de Filgueira, no concello de Crecente. Os historiadores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho, o arqueólogo José Carlos Sánchez Pardo, o antropólogo forense Fernando Serrulla Rech, e o xenetista Ángel Carracedo Álvarez, integran o equipo de traballo.

Búscase o corpo de César Alberte Domínguez, natural de Arnoia (Ourense), onde traballaba como carpinteiro, sendo concelleiro en 1936. Segundo a memoria familiar e a pouca documentación existente, foi sacado da súa casa en Oliveira-Arnoia e asasinado na Ponte de Castrelo de Miño. “Non hai rexistro civil de defuncións; porén, consérvase a denuncia contra os supostos asasinos que interpuxo un tío seu, que é de onde se pode certificar a súa morte”, explican dende o equipo investigador.

Ademais deste enterramento irregular, en Filgueira atópanse, segundo os datos de nomesevoces.net, dúas fosas individuais na beira do río Miño nas que, por mor da construción do encoro de Freira, resulta imposible desenvolver tarefas de exhumación. Trataríase de dous cadáveres aparecidos  no río en 1936 e 1937. Segundo o rexistro civil do concello, aparecen como descoñecidos. Os traballos en Filgueira prolongaranse durante a semana que vén, dando así por rematadas as actuacións deste ano ao abeiro do convenio entre a USC e a Xunta de Galicia.

Chamamento público

A localización, exhumación e identificación de vítimas durante a Guerra Civil, así como na represión política posterior é un dos obxectivos do Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia que baixo a coordinación do grupo da USC Histagra, acometerá ata 2024 a  dignificación dos lugares de enterramento e promoción dos lugares de memoria. “O contacto cos axentes sociais é imprescindible”, sinalou o investigador principal de Histagra, Lourenzo Fernández Prieto. “Facemos un chamamento a todas aquelas persoas que desexen exhumar ou investigar fosas relacionadas coa violencia franquista, así como achegar datos relativos ás mesmas”, engadiron dende este grupo de investigación da USC.

Este Plan xorde como froito do convenio de colaboración asinado pola institución compostelá, a Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo; e a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. “Queremos levar a cabo unha profunda investigación e posta ao día do mapa de fosas de Galicia, para realizar nos vindeiros anos a maior cantidade de exhumacións dos enterramentos de persoas asasinadas pola violencia franquista”, apuntan dende Histagra. Pódese contactar con Histagra no mail  histagra [at] usc.es (histagra[at]usc[dot]es) ou no teléfono 881 812 734.

The contents of this page were updated on 11.24.2021.