Skip to main content

Wenceslao González Manteiga recolle o Premio Nacional de Estatística, un recoñecemento “a máis de 42 anos de vida académica”

Wenceslao González Manteiga é catedrático da USC. FOTO: Santi Alvite
Wenceslao González Manteiga é catedrático da USC. FOTO: Santi Alvite
O catedrático da USC recibe este galardón pola súas achegas na modelización non paramétrica de dinámicas e dependencias en sistemas complexos e ao desenvolvemento da estatística non paramétrica
Santiago de Compostela

O catedrático da USC Wenceslao González Manteiga recolleu este mércores o Premio Nacional de Estatística, un recoñecemento “tras máis de 42 anos de vida académica”, tal e como el mesmo subliñou no seu discurso de agradecemento. “É toda unha honra para min, especialmente se penso en todos os posibles candidatos extraordinarios que temos neste momento en España e que seguro serían tamén dignos merecedores do premio”, engadiu. O Instituto Nacional de Estatística (INE) outorga este galardón a González Manteiga pola súas achegas na modelización non paramétrica de dinámicas e dependencias en sistemas complexos e ao desenvolvemento da estatística non paramétrica.

No transcurso do acto que tivo lugar en Madrid e que contou coa presenza do reitor Antonio López, o galardoado aproveitou a súa intervención para agradecer “moi efusivamente á miña Universidade, a Universidade de Santiago de Compostela, por presentarme á convocatoria 2021 do premio nacional de Estatística do INE e que finalmente se me concedeu”. Ademais de para o reitor, González Manteiga tivo palabras de agradecemento para a decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, así como para o director do departamento de Estatística, Análise Matemático e Optimización, Pedro Faraldo Roca, tamén presentes do acto.  

“Agradezo a todas as persoas das que aprendín moito en todo o relativo aos desenvolvementos metodolóxicos en Estatística. Especialmente aos meus 33 estudantes doutores e aos tres que actualmente dirixo nos seus estudos de doutoramento. Este premio, que hoxe me entregan, é tamén deles”, subliñou o catedrático da USC para logo poñer o foco en que “moitos destes antigos estudantes, hoxe son científicos moi relevantes a nivel nacional e internacional, no campo da Estatística e nas súas diversas aplicacións, ou doutra banda exercen como profesionais en contextos non académicos. A dirección das súas teses doutorais e posteriores colaboracións constituíron unha fonte inesgotable de motivación e aprendizaxe”.

González Manteiga lidera dende hai quince anos o grupo de investigación da USC Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (coñecido como grupo MODESTYA) para o que tamén tivo verbas de louvanza. “Síntome moi orgulloso de liderar este grupo tan potente, con gran tradición en diversas liñas de investigación, en asesoramento estatístico, con experiencia en transferencia ao sector produtivo e co que comparto moitas horas da miña actividade diaria actualmente”, dixo. O catedrático da USC recibiu o galardón de mans do presidente do INE, Juan Manuel Rodríguez Póo; e de Gonzalo García Andrés, secretario de Estado de Economía e Apoio á Empresa.

Traxectoria

Catedrático de Estatística e Investigación Operativa, o profesor González Manteiga (Sao Paulo, 1956) ten participado no ámbito da xestión universitaria e na avaliación científica a todos os niveis, alén de coordinar diversos proxectos estatais e internacionais. González Manteiga dedica tamén notables esforzos  no ámbito da transferencia de coñecemento á sociedade, tanto no ámbito científico (a través de colaboración con profesionais da enxeñaría, a química, a bioloxía, a economía ou a medicina) como no sector industrial. É membro de recoñecidos grupos como a Sociedade Estatística e Investigación Operativa (SEIO), a Sociedade Bernoulli, o Instituto de Estatística Matemática (INS) ou o Instituto Internacional de Estatística (ISI).

No plano docente, foi coordinador do Máster en Técnicas Estatísticas (mención de calidade), das universidades galegas no curso 2007-2008. Impartiu cursos de doutoramento a nivel estatal e internacional, alén de ser profesor invitado en varias universidades españolas e nas de Louvain A Neuve (Bélxica), Paul Sabatier de Toulouse (Francia), Brno (República Checa), IMPA (Brasil) e na Universidade de Bos Aires (Arxentina). No ano 2018, ingresou na Real Academia Galega de Ciencias.

Transversal

Os campos de aplicación das súas investigacións son múltiples e diversos tal e como salientou no seu discurso de agradecemento. “En particular destaco o caso  paradigmático dos  preditores de indicadores de polución da contorna dunha central térmica. Esa metodoloxía, que xa desenvolviamos nos anos 90, consistente en usar de forma dinámica e cambiante a información dispoñible a través dunha matriz histórica de datos de adestramento, coincide coa filosofía das técnicas de aprendizaxe usadas actualmente no contexto do Big Data”, explicou. “Hoxe en día pódense ver moitas aplicacións, con metodoloxía similar, a outros contextos de importancia, como pode ser o do seguimento de indicadores de saúde na medicina personalizada ou o da predición de indicadores de riscos de incendios forestais, entre numerosos exemplos posibles”, matizou.

O premio Nacional de Estatística que agora se lle outorga, dotado con 30.000 euros, convócase anualmente e está dirixido a especialistas de nacionalidade española cuxo labor e achega científica constitúa unha contribución eminente ao progreso da estatística, recoñecida internacionalmente e independentemente do país onde se levara a cabo.

The contents of this page were updated on 12.01.2021.