Skip to main content

Innogando alíñase co Campus Terra no proxecto Pastoreo 4.0

Un cabalo co dispositivo de monitorización RUMI de Innogando
Un cabalo co dispositivo de monitorización RUMI de Innogando
A nova iniciativa impulsada polo emprendedor de O Arneiro Elio López avalía as funcionalidades do sistema de monitorización de animais en extensivo e testará a utilidade do dispositivo Rumi para alertar, previr e evitar ataques do lobo a gando vacún, caprino e cabalar que pasta en liberdade
Lugo

A avaliación das funcionalidades do sistema de monitoreo de animais en réxime extensivo a partir de datos da súa xeolocalización e tamén do recoñecemento da súa actividade e comportamento centra os obxectivos do proxecto Pastoreo 4.0, unha nova iniciativa promovida pola startup do emprendedor do Arneiro Elio López García, Innogando, que está plenamente aliñada cos obxectivos do Campus Terra da USC, e que podería resultar de especial utilidade para alertar, previr e, no se caso, evitar os ataques de lobos ao gando vacún, caprino e cabalar que se atopa en réxime extensivo no monte.

O proxecto Pastoreo 4.0, no que tamén participa o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Xunta de Galicia, representa unha nova evolución de Innogando no seu afán de aliñar tecnoloxía e natureza en aras da mellora do benestar animal e da calidade de vida dos gandeiros, así como dunha maior rendibilidade das súas explotacións.

Esta nova liña de actuación reforza tamén o xerme emprendedor de Elio López que agromou do Explorer USC-Lugo con RUMI, un sistema de localización GPS para gando vacún que monitoriza en tempo real o estado de animal e achega información sobre o seu comportamento. Os promotores desta aplicación ampliaron as súas prestacións coa incorporación de análises doutros parámetros que achegan aos gandeiros datos relacionados coa preñez, período de xestación e datas de parto. Este abano de vantaxes propicia unha elevada demanda desta singular sentinela que, a xeito de choca, pende do pescozo das vacas.

A vertixinosa evolución experimentada por Innogando, unha firma de fonda pegada luguesa e universitaria, sitúaa xa entre as startup máis innovadoras de España, nomeadamente na posición número 37, segundo recolle a última edición do ránking nacional elaborado por El Referente, ao tempo que acredita como atinada a participación no capital desta aínda modesta empresa de compañías como Zendal ou mesmo de Xes Galicia ou Vigo Activa (fondos de capital risco da Xunta de Galicia e Zona Franca de Vigo, respectivamente).

Recoñecer comportamentos

O recoñecemento do comportamento dos animais en distintas situacións é unha das claves do éxito de RUMI, que ademais do situar as reses nun espazo determinado (dentro ou fóra da leira), reporta ao gandeiro cumprida información sobre a saúde das reses e do seu estado (tranquilidade, alerta...), ao tempo que apunta as posibles causas destas reaccións.

Elio López García sinala neste senso para ampliar o uso dos dispositivos de xeolocalización e monitorización xa probadas en vacas a outras especies animais en réxito extensivo, tales como cabras, cabalos e mesmo touros, temos que avanzar no recoñecemento dos seus comportamentos e na asociación destes con determinadas actividades, accións ou reaccións.

López García comentou neste senso que Innogando xa comezou a desenvolver aínda en fase incipiente as primeiras experiencias do aplicativo RUMI en cabras, gando cabalar de monte e mesmo en touros, a fin de coñecer e contabilizar o seu número de montas. As potencialidades que ofrece este sistema de monitorización a partir da información que achega sobre os animais son múltiples, salienta Elio García, quen tamén ve este mecanismo como unha ferramenta acaída para frear os ataques de lobo ao gando do monte. De feito, precisou “no marco do proxecto Pastoreo 4.0 contemplamos a simulación de ataques para coñecer a reaccións de cabalos, cabras, vacas... para avaliar o comportamento destes animais en situación de alerta ou risco”.

The contents of this page were updated on 12.03.2021.