‘Mudar a pel’ recolle a experiencia da peregrinación científica polos Camiños de Santiago desde o Campus de Lugo
O filme ‘Mudar a pel. Viaxes de ida e volta en antropoloxía’, dirixido por Jorge Moreno Andrés, recolle a experiencia da peregrinaxe científica polos Camiños de Santiago promovida desde o Campus de Lugo ao abeiro da iniciativa ‘Antropoloxías do Camiño. Camiños da Antropoloxía’, un proxecto coordinado pola profesora da USC Elena Freire Paz que citou durante unha semana do mes de xullo no Campus Terra unha destacada representación da antropoloxía europea interesada en explorar e percorrer as rutas xacobeas desde a óptica de olladas plurais. Esta singular produción, que se estrea o venres 10 de decembro, ás 19.30 horas, no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo, pretende servir de base para transmitir a idea dos alcances e lindes da noción de desprazamento.
Esta peregrinación antropolóxica itinerante mesturou de xeito harmónico o desprazamento físico a través das rutas xacobeas polos concellos de Lugo, Friol, Guntín, Palas de Rei, Toques, Melide, Arzúa, O Pino, Santiago de Compostela, Padrón, Muxía e Fisterra cunha reflexión teórica arredor de catro dos camiños máis transitados e consolidados da disciplina antropolóxica, tales como o son a afectividade (a soidade, as emocións e o amor), a alimentación (porque somos o que comemos e comemos o que somos), a dicotomía natureza/cultura, que envolve os traballos da antropoloxía ambiental na procura dun desenvolvemento sostible e na crítica aos paradigmas da desigualdade, e o estudo diacrónico e sincrónico dos procesos de patrimonialización nos que emerxe e se xestiona o propio Camiño de Santiago.
O documental ‘Mudar a pel’, unha proposta cinematográfica elaborada polo profesor da UNED, antropólogo e cineasta Jorge Moreno Andrés, co apoio técnico da fotoxornalista Elena Rosa, compila as vivencias e as narrativas desta reunión de especialistas e estudosos da antropoloxía. De feito, o filme, con guión de Julián López, Lorenzo Mariano e a profesora da USC Elena Freire, recolle testemuños de persoas relevantes no eido académico no ámbito da antropoloxía.
Obxectivos
O concepto do desprazamento antropolóxico, os diferentes xeitos do ir etnográfico e a súa diferenciación, alén doutras experiencias vitais, conforman algún dos interrogantes aos que tratan de dar resposta os protagonistas deste documental, un abano de participantes entre os que se atopan Christiane Stallaert, David Conde Caballero, Xavier Medina, Joan Part, Juan Antonio Flores, Borja Rivero, Jordi Roca, Oriol Beltran, Beatriz Pérez Galán, Agustín Coca, Pedro Tomé, Celeste Jiménez de Madariaga, Camila del Mármol, Carmen Cipriano ou, entre outras, as profesoras da USC Nieves Herrero e Ana Cabana Iglesia.
‘Antropoloxías do Camiño. Camiños da Antropoloxía’ é un proxecto financiado con cargo á convocatoria O Teu Xacobeo, da Xunta de Galicia. Asemade, a dirección científica deste proxecto procurou a implicación e a colaboración de máis dunha ducia de entidades, empresas, produtores e asociacións galegas. A produción do documental nado desta peregrinación científica contou coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.