Skip to main content

Discurso de Ramón Villares

Discurso de gabanza do doutorando pronunciado polo seu padriño o Profesor Dr. D. Ramón Villares Paz, Catedrático de Historia Contemporánea da Facultade de Xeografía e Historia

Ramón Villares Paz pronunciando o seu discurso
Ramón Villares Paz pronunciando o seu discurso

Agradezo a oportunidade de pronunciar o discurso de laudatio de Fernando Jorge Devoto,  novo doutor honoris causa por esta pentasecular universidade de Santiago de Compostela. Aínda que tiven a fortuna de participar en varias ceremonias, como Reitor, como padriño e como recipiendario, esta é a primera vez que actuo de padriño na miña alma mater, o que non deixa de ser, alén dunha honra, un pequeno desafío. A honra débolla ao Señor Reitor, pero tamén aos colegas que asinaron comigo a proposta a favor do profesor Devoto no antigo departamento de Historia Contemporánea e de América, a profesora Pilar Cagiao Vila e os profesores Lourenzo Fernández Prieto e Xosé Manuel Nuñez Seixas. Calquera deles podería estar hoxe nesta tribuna, polo que considero que as boas palabras que eu poida pronunciar tamén lles corresponden a eles.

Deixenme decir que chegar ata este momento non foi un camiño doado, despois de anos de ter sido iniciado, pois os efectos da pandemia tamén se deixaron sentir neste proceso.  Pero a  fortuna, como se dicía na literatura política renacentista, acudiu na nosa axuda e permitiu que a forza da nosa vontade -falar de virtú sería excesivo- dominase os ímpetus daquela veleidosa e inesperada deusa, e désemos chegado a este acto....

O desafío é outra cousa, porque para mín, Fernando Devoto foi primeiro un investigador arxentino ao que seguía a través das suas publicacións que, como logo direi, son  extensas e de grande valor, pero que cadraban en campos temáticos parcialmente alonxados da miña especialización profesional. Pero debido a circunstancias tal vez fortuitas, acabamos partillando intereses historiográficos e, tamén, tareas de organización de congresos e de avaliación científica de centros e de proxectos de investigación, nomeadamente durante un periodo de catro anos que, por encomenda do Goberno da República Portuguesa, tivemos ocasión de traballar e convivir en Lisboa e noutras capitais do país irmán. Foi unha experiencia da que sairon afectos,  que teceron unha admiración intelectual e unha amizade persoal que continúa ata o dia de hoxe.

Despois do discurso pronunciado polo profesor Devoto, todo o que eu poida engadir  corre o perigo de non estar á sua altura. Pero a miña obriga é presentar perante o claustro desta universidade as razóns que tivemos os propoñentes para postular a sua candidatura. Aquelas razóns subliñaban que se trataba dunha traxectoria académica e investigadora extraordinaria, repartida desde a cidade de Buenos Aires por moitos países americanos e europeus, nos que están incluidas varias universidades españolas. A sua periódica presenza na universidade de Santiago de Compostela permitiu que orientase investigacións, impartise memorabeis seminarios e xulgase varias teses de doutoramento, podendo considerarse inspirador dos estudos migratorios desenvolvidos en Galicia. Como se afirma nunha extensa entrevista ao noso doutor que acaba de ser publicada na revista italiana Passato & Presente, Devoto é “uno dei piú grande storici latinoamericani negli ultimi decenni”, en palabras do seu entrevistador, Núñez Seixas

Alén desta presencia universitaria, debo subliñar a estreita colaboración que o profesor Devoto prestou durante máis de vinte anos ao Arquivo da Emigración do Consello da Cultura Galega, onde tamén animou publicacións como a revista Estudos Migratorios, participou en numerosos encontros -nos que a perspectiva comparada entre Europa e América foi unha constante- e mesmo editou libros, entre eles o de Alexandre Vázquez, que é ata hoxe a obra máis sólida feita entre nós sobre a emigración galega ao continente americano. Non sería, pois,  ningunha desmesura decir que o Consello da Cultura Galega, que non pode atribuir honras académicas como esta, pode sentirse partícipe deste doutorado honoris causa concedido pola Minerva compostelá.

Estas breves palabras, que entendo como un introito institucional, deben ser seguidas dunha reflexión algo máis extensa sobre a biografía de Fernando Devoto, as suas principais achegas como historiador e como intelectual, algúns dos seus mestres e colegas de oficio, sen esquecérmonos da lexión de discípulos que logrou ter en moitos centros universitarios, desde a súa alma mater porteña, a mítica UBA, ata outras universidades arxentinas (La Plata, Quilmes, San Martín, Rosario....),  que se complementou  coa sua presencia constante en moitos centros de educación superior en Europa, como logo se dirá.

El acaba de pronunciar un discurso no que non sei qué máis admirar: se a beleza da sua retórica ou a densidade do seu pensamento. El ten dito moitas veces que se considera un “historiador de oficio”, esto é, un practicante daquel “métier d’historien” ao que Marc Bloch lle deu substancia nos anos de resistente na segunda guerra mundial. Ter oficio ou pericia de historiador podería reputarse como exemplo de positivismo erudito e de relativismo interpretativo, pero nada desto aflora no pensamento e na prosa do historiador Devoto, como tampouco estaba na prosa do historiador Bloch, entregado a unha loita que estaba a anos luz da propia dun historiador de gabinete...

Volverei sobre este asunto máis adiante.

Antes debo trazar un breve cadro da sua biografía intelectual que permita confirmar, por se ficase algunha dúbida, o acerto da universidade de Santiago ao lle atribuir esta superior condecoración académica. O primeiro é situar ao novo doutor no contexto nacional e internacional da sua disciplina. Podemos coller emprestadas palabras suas para decir que se considera un historiador nacido e educado nun “país de historiadores”, que conta cunha tradición  historiográfica na que se atopan nomes ilustres, desde Bartolomé Mitre, Ricardo Rojas ou Rómulo Carbia ata os imprescindibles e máis próximos José Luis Romero ou Tulio Halperín Dongui que, de modo indirecto, foron os seus mestres máis influíntes.

Esta conciencia de formar parte dunha cadea intelectual está presente en toda a obra historiográfica de Fernando Devoto. Como os seus devanceiros e mestres, está dedicada a desentrañar a construcción do discurso histórico no marco da cultura e da política arxentina, explicando deste modo a influencia dos historiadores na fixación do que un deses mestres, José Luis Romero, chamaría “las ideas políticas de la Argentina”. Posición  que él revisou no seu primeiro libro, Los nacionalistas (1983) e máis compridamente en  Nacionalismo, fascismo y tradicionalismo en la Argentina moderna (Siglo XXI, 2002), unha obra de madurez na que trata de confrontar o nacionalismo arxentino á luz das grandes teorías europeas do feito nacional. Como os grandes historiadores occidentais, o profesor Devoto nunca se sentiu alleo aos problemas do seu tempo, en primeiro lugar os atinxentes á construcción dos estados nacionais.

Esta preocupación intelectual manaba dunha fonte que se remonta aos tempos de liceo e de formación no Colexio Nacional de Buenos Aires, un centro fundado por Mitre e que Ricardo Rojas, tamén historiador e Reitor da UBA, chamou “el colegio de la patria”, por ser o laboratorio onde se formaron futuros dirixentes políticos, grandes profesionais e celebrados escritores. Naquel centro, que se pode comparar cos grandes liceus europeus (Massimo d’Azeglio en Torino, Louis le Grand, en París...), Devoto aprendeu os rudimentos dunha educación reflexiva e nada memorística, na que resultou esencial a crítica de textos, ensinada por Isaías Lerner, un herdeiro da escola creada en Buenos Aires por Amado Alonso e os seus discípulos, Raimundo e Rosa Lida.  Devoto podería ter derivado cara unha especialización filolóxica ou literaria, pero escolleu, talvez pola presión ambiental da Arxentina de finais dos sesenta, ser un historiador, sen nunca caer nas trampas dunha historia militante.

El conxurou aquela tentación por duas vias diferentes. Nos seus estudos universitarios, grazas ao maxisterio de Haydée Gorostegui, unha antena da historiografía francesa na universidade de Buenos Aires  e á influencia intelectual de José Luis Romero, Gino Germani e, sobre todo, de Tulio Halperín Dongui, xa daquela exilado, pero que deixara na universidade arxentinba unha pegada indeleble no ensino da Historia, como ten evocado o historiador Juan Carlos Garavaglia, cinco anos maior que Devoto, no seu libro Una juventud (argentina) en los años sesenta. Como egresado, o profesor Devoto encontrou un acobillo temporeiro na universidade del Salvador, rexida polos xesuitas, pero era conscente de que debía buscar fora o que non atopaba dentro da Arxentina, como fixeron algúns dos seus mestres e dos seus  compañeiros de xeración,  que sairon cara Berkeley, New York, París, Oxford ou Madrid: Tulio Halperín, Isaías Lerner,  Juan C. Garavaglia, Ezequiel Gallo, Reina Pastor....

A decisión  de “andar por fóra” e vir a Europa, por azarosa que pareza, fixo de Devoto un historiador “nómada”. Esto permitiulle tecer lazos cada vez máis fortes coa historiografía europea, fuxir das inclemencias políticas do seu país, tanto despois do golpe de Onganía (1966) como do de Videla (1976) e, sobre todo, encontrar redes e tramas intelectuais novas, construídas en libertade. A sua pasarela primeira foi unha bolsa de estudos na universidade romana de La Sapienza, encomendada a un profesor ben ilustre pero que non o coñecía (Renzo de Felice). De Felice era xa o sólido experto sobre Mussolini e o fascismo italiano, pero a bolsa fóra concedida coa condición de se dedicar ao estudo da “inmigración italiana” na Arxentina. O orientador deixou facer e o bolseiro comezou a estudar de modo autodidacta. Un azar burocrático que marcou fortemente unha vida de investigador.

Foi en Italia onde comezou a especializarse nos estudios migratorios, pois alí sentiu falar de cadeas migratorias a Gian Fausto Rosoli e Sam Baily; e de redes, ao historiador piamontés Franco Ramella. E foi en Italia onde atopou o estímulo, en  materia de investigación, que non tivera na Arxentina. A inmersión italiana foi  completa: alí seguiu de perto os debates promovidos pola poderosa cultura comunista, a través de nomes como Emilio Sereni ou Rosario Villari, e alí puido apreciar as novidades da microstoria ou dunha historia económica máis cultural do que econométrica, seguindo as pautas de historiadores como Luciano Cafagna. A impronta italiana na carreira investigadora e na concepción da historia en Fernando Devoto foi moi profunda, bebendo mesmo na forte diversidade rexional da cultura do país transalpino, desde a capital romana ou Nápoles,  onde aínda sentiu ecos do maxisterio de Benedetto Croce,  ata Torino, sostida por unha poderosa comunidade intelectual de tradición liberal, como o antigo “azionista” Franco Venturi, ou formada por persoas de orixe hebrea, como Arnaldo Momigliano,  Carlo Ginzburg e Giovanni Levi.

En suma, que foi en Italia onde renaceu como historiador e como intelectual, de modo que -e cito as suas palabras- “tengo una enorme deuda de gratitud hacia la cultura y la historiografía italiana”, que non deixou de frecuentar desde a sua viaxe iniciática de 1981.  Non extraña que Italia se convertese na primeira das varias segundas patrias que posúe, agora acrecentada grazas á vinculación coa cidade e a universidade de Verona, onde lecciona a sua compañeira, aquí presente, Federica Bertagna, tamén experta en temas migratorios e en exilios italo-arxentinos.

Logo viría o reencontro con Francia, coa figura mediadora de Ruggiero Romano e, máis tarde, de Jacques Revel, que o levou a tecer relacións máis fortes co grupo da revista Annales e coa EHESS parisina, que sigue mantendo de modo periódico, con análises da memoria, conmemoracións e usos públicos do pasado, no seminario e revista Futurs Passés, dirixida por Sabina Loriga. E non se poden esquecer as suas relacións con España, iniciadas a finais dos setenta co grupo de historia económica de Barcelona, dirixido por Jordi Nadal e, anos máis tarde,  cos estudos americanistas ou migratorios das universidade de Valencia ou de Oviedo e, sobre todo, con Santiago de Compostela onde, felizmente, acabou por sentar cátedra desde hai uns vinte anos, como xa antes se dixo, grazas á acollida que lle prestaron naqueles primeiros tempos, entre outros, a profesora Pilar Cagiao.

De modo paralelo, achegouse á historiografía do ámbito iberoamericano,  intercalada con algunhas fugas aos Estados Unidos de América e á tamén sólida tradición historiográfica brasileira. Un libro, Brasil-Argentina, escrito a catro máns co historiador paulista Boris Fausto, é un dos mellores exemplos que se teñan escrito nunca sobre un asunto tan invocado como escasamente logrado como é a “historia comparada”. A orixinalidade deste libro é que a comparanza non está concebida de modo paralelo ou superposto -como é tan frecuente- , senón a través dun discurso único, integrado e coherente, no que os dous autores coñecen e falan con solvencia de ambos países. Todas estas relacións, nacidas na Arxentina pero agrandadas en longas estadías no estranxeiro, fixeron de Fernando Devoto un historiador internacional, con presencia regular en congresos cientificos (de Historia, de Historia Económica ou de Demografía) e nas revistas especializadas.

Pero ser internacional significa tamén ser nacional. O profesor Devoto non renunciou a un “cursus honorum” arxentino, como profesor catedrático da UBA e como director de investigacións que, desde Buenos Aires, logrou acadar unha influencia moi notable dentro e fóra da Arxentina. Na universidade, ensinou teoría e historia da historiografía. En centros paralelos á universidade, desenvolveu un proxecto de investigación sobre os estudos migratorios entendidos latu sensu.

O estudo das migracións contaba daquela cunha venerable tradición de análise cuantitativa dos seus fluxos, análises dos destinos e políticas públicas que os estimularon ou bloquearon, segundo a vella expresión de push and pull, isto é, das forzas de expulsión e de atracción que marcan aqueles fluxos. Dado que as migracións europeas se converteron en fenómeno masivo (superior ao catro por mil anual de saídas) con  destino preferente ao continente americano (Estados Unidos, Arxentina, Canadá e Brasil), a sua influencia tanto nos países de orixe como de destino foi profunda en ambos casos. E co apoio das redes internacionais de estudos migratorios logrou construir un centro especializado nesta materia.

Así naceu o Centro de Estudios Migratorios Latinoamericanos, máis coñecido como CEMLA, do que Devoto foi seu responsable durante máis de vinte anos. Un centro asentado en Buenos Aires, con liñas de investigación propias, contactos internacionais e unha revista prestixiosa. Naquel entorno publicou Devoto un cento de artigos e varios libros que trataban de explicar, de forma matizada, a definición da Arxentina, por parte do historiador José Luis Rometo, como “sociedad aluvial”. Entre aquelas obras, permítasame citar duas que, con versión española e italiana, consagraron a Devoto no campo da historia das migracións: Historia de la inmigración en la Argentina (2003) e Historia de los italianos en la Argentina (2006). Despois da análise das ideas políticas, chegaban os libros que desentrañaban a forma de se constituir a moderna sociedade arxentina, aparentemente pouco nativista, feita sobre oleadas de inmigrantes europeos blancos, pero non isenta de tensións ou de segregación cultural interna.

A aproximación de Devoto ás cuestión migratorias modifica moitos enfoques previos. A chegada masiva, en aluvión, remitiría a estudos cuantitativos, de medición de inmigrantes e de retornados. Pero non foi este o camiño seguido. A aposta foi estudar as “cadeas migratorias” no canto dos fluxos, analizar as “redes” trazadas polos inmigrantes no canto de se contentar con enfoques macro ou estructurais, sexan demográficos ou sociolóxicos: sempre en primeiro termo, os problemas, as preguntas e as experiencias particulares,  que deben ser comprendidas nos marcos xerais. En suma, que logrou facer unha historiografía de precisión para replantexar os problemas das migracións nos contextos culturais e políticos de finais do século vinte e refinar a imaxe pública dos inmigrantes, na Arxentina e no mundo occidental, que estaba daquela -¿el poderíamos decir que xa non está?-, chea de prexuizos ou de solucións falsas como o “cruxol de razas” ou as bondades do asimilacionismo.

A obra do historiador Fernando Devoto, con ser moi relevante no campo das migracións, tivo outras miradas,  vinculadas a grandes debates historiográficos, tanto dentro como fóra da Arxentina. Xa aludín aos seus estudos sobre as ideas políticas arxentinas e a suas achegas ao campo da historiografía. Unha das suas primeiras obras, Entre Taine e Braudel (1992), facía un recorrido polas grandes liñas da historiografía francesa desde a Terceira República ata aos anos setenta do século pasado. Eran ensaios sobre temas específicos: as orixes da Francia contemporánea, a polémica entre historiadores e sociólogos (persoalizada nos nomes de Charles  Seignobos e François Simiand), o papel do espazo ou “Terra”,  de inspiración barresiana, e do Tempo na perspectiva da longue durée de Fernand Braudel, na interpretación dos feitos históricos. Alén destas referencias cultas,  estes ensaios tiñan a finalidade de colocar algúns debates metodolóxicos  no campo da historiografía arxentina.

O seu traballo neste campo, compartido en varias publicacións coa sua discípula Nora Pagano, tivo algúns resultados concretos en obras de sintese sobre a historiografía arxentina e a dirección de obras colectivas sobre La historiografía académica y la historiografía militante (2004) e a obra de balance, Historiadores, ensayistas y gran público, centrada nos anos 1990 a 2010. Son obras de reflexión e de crítica, de alerta sobre as influencias de escolas historiográficas  -de Annales ao materialismo histórico-, de análise das relacións entre pasado e presente e do papel do historiador na sociedade actual. Dito nas suas propias palabras, “hacemos historia porque queremos responder interrogantes que surgen en nosotros mismos” y porque es preciso gestionar “la emancipación del pasado respecto del presente”. 

A obra de Devoto, tanto nos seus balances historiográficos como nas reflexións máis metodolóxicas, mostra que existe unha coherencia evidente entre a sua educación como membro dunha comunidade profesional de historiadores e o estilo con que enfoca toda a sua investigación. Non hai nada que non sexa considerado á luz dos contextos académicos e históricos nos que se producen os acontecementos e feitos analizados. O resultado é unha forma de traballo e de análise que acude constantemente como método explicativo á “historicidade” -para decilo en palabra de François Hartog-, pero a considerable distancia dunha “historia historizante” que tanto combatera o Lucien Febvre. A obsesión do Devoto como historiador maduro é aplicar a máxima do historicista alemán Gustav Droysen de comprender (verstehen) e non de xulgar, porque, como ten advertido máis dunha vez, os “xuizos morais sobre a historia raramente teñen sido sinónimo de boa historiografía”.

Nos  seus textos insiste decote en que procura “itinerarios”, “camiños”, ou “cadeas” que enlazan emocións individuais e grupais, pero raramente fala de “destinos” inexorables ou de certezas inapelables. Un exemplo desta forma de analizar o presente con ferramentas e mirada propia dun historiador atopámolo nun dos seus últimos traballos, “Conocimiento histórico y dictaduras” (Pasajes, 2015), centrado nun estudo de caso, as acusacións de connivencia coa dictadura arxentina por parte de Jorge Bergoglio, antes e despois de ser elexido Papa, co nome de Francisco, en 2013. Nese artigo desenvolve unha coidada argumentación sobre os usos do pasado e a  manipulación política dos mesmos, advertindo que, frente ás complexidades de todo acontecemento, sempre haberá,  “incluso entre los historiadores de profesión”, os que procuren “verdades claras”, “esquemas binarios, ou ser  “Jueces suplentes del Valle de Josafat”. Non se trata tanto de defender a máxima rankeana (“contar as cousas como sucederon”),  como de considerar o camiño inverso, dacordo con Reinhardt Koselleck: tamén é preciso contar como efectivamente non sucederon…

Un texto de Carlos Altamarino, experto arxentino en historia intelectual, afirma que de cando en vez aparecen no panorama intelectual figuras singulares ás que se lles pode calificar como auténticos scholars, o que se pode predicar de quen é capaz non só de dominar unha disciplina científica, senón de mudar as ideas recibidas, ou sexa, os paradigmas cos que se realizan preguntas, se escollen os enfoques, se dialoga cos coetáneos -próximos e lonxanos- e se presentan os resultados. Altamirano estaba a referirse, direi que con toda a razón, a José Luis Romero, o máis grande historiador latinoamericano do século XX. Daquela liña aberta por Romero desde os anos corenta xurdiu Tulio Halperin Donghi e, tempo andado, o noso doutor de hoxe, Fernando Devoto que atesoura unha das cualidades imprescindibles do científico de calquera das facultades: facer as preguntas correctas antes de cair na angustia de atopar as respostas.

Esto explica que Devoto fose quen de se converter en scholar, con mestres relevantes e con numerosos discípulos e discípulas, tanto na Arxentina como fóra. Este percurso científico foi feito desde unha periferia, pero sendo  conscente de que (e cito) “importa saber desde donde se habla” para evitar a inocencia de se encomendar ao canon central. Desde esa conciencia é posible colocar algúns temas de investigación non canónicos na axenda historiográfica internacional que, no seu caso, foi sobre todo o estudo das migracións. Este exemplo intelectual tamén é un desafío para nós, en tanto que imaxinada comunidade profesional de historiadores que traballamos desde esta universidade, menos periférica do que por veces pensamos,  sobre temas locais que teñen sentido xeral ou universal....

Señor Reitor, caros colegas, vou dar cabo á miña intervención, volvendo ao ámbito universitario concreto que nos acolle.

Parece innecesario insistir no feito de que o ingreso de Fernando Devoto no elenco de doutores honoris causa desta universidade é motivo de satisfacción e mesmo de orgullo para esta institución. Pero engadirei unha referencia institucional, pois son moi poucos os historiadores, tout court, que mereceron esta distinción, malia estar a ponto de se cumprir o primeiro centenario da apertura dos estudos de Historia en Santiago e ser, por tanto, a cuarta facultade máis antiga. A primeira persoa digna de tal honra foi o medievalista francés Georges Duby, investido como tal en 1992, ao que seguiu o arqueólogo portugués Jorge de Alarcâo en 1996 e o historiador da arte e galego de nación, Antonio Bonet Correa en 2013. Hoxe ingresa o historiador Fernando Devoto que, alén destes nomes, pasa a compartir esta honra co antigo presidente da República arxentina Raúl Alfonsín, condecorado certamente por razóns diferentes ao novo doutor, no ano 1988. Pero camiñando rio arriba, encontramos que o primeiro dos doutores honoris causa, foi Gumersindo Busto, investido en 1934 aínda que non mediase unha cerimonia análoga á presente.

Nesta mención do primeiro e último, polo de agora, dos doutores honoris causa compostelanos hai algo de xustiza poética. Gumersino Busto foi un emigrante da retroterra compostelana que fixo fortuna na Arxentina, onde funxiu como escribano, que non  se esqueceu da sua patria natal e da necesidade de agrandar a sua, daquela,  única universidade. O seu legado foi o apoio ao campus da “Residencia” e, sobre todo, a chamada  “Biblioteca América”, unha das xoias patrimoniais desta universidade, con varios milleiros de libros e obxectos (flora, fauna, etc.) de temática americanista. Aquel emigrante galego nunca tivo a oportunidade de dialogar da sua experiencia migratoria, e do sentido do seu legado, cun experto que o puidese entender. A partir de hoxe poderá facelo, ben que sexa de forma imaxinada, grazas á chegada de Fernando Devoto á galería dos Honoris causa compostelanos. Se o destino está composto dunha “suma de azares”, ben podemos decir que no recoñecemento do emigrante Busto estaba determinado que algún dia chegaría o turno do experto en migracións, que é Fernando Devoto, anoando máis unha vez Santiago de Compostela con Santa Maria del Buen Aire....

Quero acabar cuns versos de Jorge Luis Borges, publicados no poemario de título ben universitario (“Cambridge”, 1969), que aluden ao material que usamos os historiadores (“Elogio de la sombra”). Son versos nos que albisco algunhas ansias, dúbidas e pensamentos que rondan de vello a mente do novo doutor, atento leitor dun dos máis excelsos non-premios Nobel que a literatura mundial posúe (e cito):

Somos nuestra memoria,
Somos ese quimérico museo de formas inconstantes,
Ese montón de espejos rotos…

En consecuencia, e por todas as razóns alegadas, solicito do señor Reitor que proceda a investir ao profesor Fernando Devoto como Doutor Honoris Causa pola universidade de Santiago de Compostela, cos atributos e regalías que lle corresponden.

Dixen