Skip to main content

Discurso do reitor

Discurso de benvida á nova doutora Honoris Causa, María Emilia Casas Baamonde, pronunciado polo Excmo. Sr. Reitor Magnífico da Universidade de Santiago de Compostela, o profesor Dr. Antonio López Díaz

Momento do discurso
Momento do discurso

Hai cen anos, o 12 de maio de 1921, finaba en Madrid Emilia Pardo Bazán, unha muller polifacética. Foi novelista, crítica literaria, poeta, editora, catedrática de Universidade e precursora na defensa dos dereitos das mulleres, cun compromiso feminista moi centrado na importancia da educación. Unha muller, sen dúbida, que viviu e loitou como muller nun mundo de homes.

Esta galega, que alternaba as súas estadías en Galicia entre a residencia da Rúa Tabernas na Coruña e o Pazo de Meirás, mandado construír por ela mesma en 1893 nos terreos herdados da súa familia, non puido estudar na universidade do século XIX. Como é ben sabido, ata 1882 nin se chegara a contemplar que as mulleres puidesen acceder á universidade. Nesa lagoa legal, Concepción Arenal, outra galega de referencia, viuse obrigada a asistir vestida de home á Universidade Central tralo que, logo dun gran escándalo para a época, foi autorizada polo Reitor para rematar os seus estudos. Ese baleiro rematou en 1882, cando a Real Orde do 16 de marzo resolve expedir os títulos ás mulleres que o soliciten sempre que estiveran matriculadas naquel momento (por esta vía obtiveron os títulos Elena Maseras, Dolores Aleu e Martina Castells, as tres estudantes de Medicina na Universidade de Barcelona) pero, ao mesmo tempo, prohibe que poidan matricularse a partir dese momento en adiante.

Logo duns anos de normas contraditorias, trala Real Orde de 11 de xuño de 1888 permítese que as mulleres poidan cursar estudos en institutos e Universidades despois de conseguir un permiso da superioridade e como alumnas de ensinanza privada. Esta normativa discriminatoria, tanto no acceso coma no réxime de estudos, que impedía ou dificultaba a presenza das mulleres nas aulas, mantívose ata 1910. Só 53 mulleres conseguiron a licenciatura neste anos. Entre elas , outra galega, Manuela Barreiro Pico en Farmacia, no Santiago de 1901.

A Real orde de 8 de marzo de 1910 derroga a de 11 de xuño de 1888 e dítase sendo Ministro Romanones. Nela moito tivo que ver Emilia Pardo Bazán, que accedera pouco antes á condición de Consejera de Instrucción Pública e que, por primeira vez, decretou o acceso das mulleres á Universidade en condicións de igualdade. Foi un primeiro gran paso dun feminismo que, no noso país e a diferenza doutros nos que se centraba no logro de dereitos como o de sufraxio, puxo o foco no acceso á educación en condicións de igualdade, un proceso que, como sinalaba Concepción Arenal no congreso pedagóxico de 1892, requiría que os homes se fosen civilizando, pois “sería fuerte cosa que los señoritos respetasen a las mujeres que van a los toros y faltaran a las que entran a las aulas”.

Dona Emilia petou con forza ata 3 veces na porta da Real Academia Española, pero non puido botala abaixo. Non se abriría para unha muller ata 1978 coa incorporación de Carmen Conde.

Pero o carácter pioneiro da Pardo Bazán tivo tamén outro recoñecemento, o de ser nomeada Catedrática de Universidade a pesar da dura oposición das instancias universitarias, aínda que, formalmente, foi nomeada “Catedrático”, o que incluso fixo que recibise algunha crítica. Foi así como se converteu na primeira muller en acceder a esta condición, tomando posesión o 16 de maio de 1916 da Cátedra de Literatura Contemporánea das Linguas Neolatinas a través do procedemento especial previsto na Lei Moyano, que abría esta porta, ligada á docencia de doutoramento, a quen non tivera título universitario.

Atopámonos hoxe no paraninfo da Universidade, salón que recibe tal denominación dende a visita real de Isabel II a este edificio da institución con ocasión da viaxe que a raíña fixo a Galicia entre o 1 e o 14 de setembro de 1858, tamén ano Santo, como este 2021. Esta estancia actual foi aberta ao público en 1906  e hoxe, 115 anos despois, con ano e medio de retraso sobre o inicialmente programado por mor desta pandemia que encadea picos e vaos e nos segue a desafiar como sociedade, vestímonos de gala para celebrar a incorporación ao noso Claustro de Doutores Honoris Causa doutra Emilia, Casas Baamonde. Ela será a segunda muller con esta distinción, dun total de 82 Doutores Honoris Causa, xunto a Nélida Piñón, incorporada en 1998, ano no que se inaugurou a galería onde hoxe brillan os Doutores. Unha galería na que  profesora Casas vai acompañar tamén ao seu mestre Alonso Olea, que, como xa se ten sinalado, ingresou neste Claustro o 14 de xuño de 1996, no curso en que esta Universidade commemoraba o seu V Centenario baixo o lema de GALLAECIA FULGET.

Tamén este edificio da Universidade conecta as dúas Emilias. Aquí estiveron radicados ata 1978, en que se mudaron ás instalacións actuais, os estudos de Dereito, nos que sobresae Casas Baamonde. Tamén neste edificio tivo contacto Pardo Bazán coa Universidade xa que nel puido consultar os fondos da nosa Biblioteca, contando cun permiso especial do Reitor Casares Rodríguez, tamén orixinario de Monforte, para acceder fóra do seu horario habitual e, aquí tamén, comezou e rematou os estudos de Dereito o seu marido José Quiroga y Pérez de Deza.

Vimos de escoitar a laudatio que de Emilia Casas fixo o seu padriño nesta cerimonia, o profesor Gárate Castro, outro exemplo de vocación universitaria, docente, investigadora e de xestión, ao que engade esa relación persoal e profesional coa nosa flamante doutora, que ambos souberon elevar a vínculo institucional. Grazas, profesor Gárate, por este galano que engrandece a nosa Universidade. Sumamos ao noso claustro a unha galega, xurista, humanista, pero igualmente, ou quizás por iso, pioneira e loitadora comprometida pola igualdade de mulleres e homes. 

Unha xurista con maiúsculas, admirada e recoñecida polos seus colegas, do que dá fe, ademais deste paraninfo ateigado de birretes e mucetas nesta marea vermella procedente de toda España,  ese liber amicorum, preparado con esmero e que testemuña ese aprecio personal e profesional e que a pandemia impediu que puideramos presentar coincidindo con este acto de investidura. E unha boa mostra dese talento e rigor no manexo das categorías xurídicas é a lección que vimos de escoitar na que se formulan acertadísimas reflexións sobre os problemas que o Dereito da Unión e as normas convencionais introducen dende o punto de vista da aplicación da lei e do seu control. A pirámide kelseniana, centrada na idea de validez das normas, resulta insuficiente para dar solución á ordenación de normas procedentes de diversas canles de lexitimidade. Xorden así a inaplicación, ou o control de convencionalidade da lei, como novos criterios de selección da norma aplicable, que requiren á súa vez mecanismos de control xurisdiccional. So alguén que acredita unha traxectoria investigadora, docente e tamén o exercicio da maxistratura constitucional pode trasladar propostas tan refinadas para problemas que tensan as costuras das categorías tradicionais.

Por se o estudio do Dereito, e particularmente das relacións laborais, non fose unha acreditación suficiente desa preocupación polos valores humanos, quixo reforzalos compaxinando os estudos de Filosofía, a que puido ser a súa chamada inicial, cos de Dereito, amablemente suxeridos polo seu pai e que se converterían na súa definitiva vocación. Aínda lle sobrou tempo para dedicalo a outras actividades tamén moi significativas en prol das liberdades e da igualdade, como a súa aposta polo fútbol feminino.

E neste mundo do Dereito, na Universidade e fóra dela, tocoulle a Emilia Casas xogar de ariete, rompendo portas e teitos non sempre de cristal. Foi a primeira Catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, con pouco máis de 30 anos e a primeira Presidenta da Asociación Española de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, dende 2017, e da Sociedade Internacional, dende 2021. Tamén con só 48, a máis nova e a segunda muller en conseguilo, accedeu á Maxistratura ao Tribunal Constitucional, sendo elixida posteriormente como primeira presidenta e única ata o momento.  Por esa mesma porta entraron outras seguindo a estela que abrira Gloria Begué.  En calquera caso, aínda son só 8 fronte a 59 homes trala última renovación. Como ten dito a nosa nova doutora recentemente "algo non vai ben cando se ten estendido unha clara desproporción do home fronte á muller nun tribunal que non pode interpretar a Constitución á marxe das mulleres”.
Ese mesmo compromiso coa igualdade efectiva puido tamén comprobarse na súa función xurisdicional, como ten salientado na súa laudatio o profesor Gárate, na que tratou de superar así un ordenamento baseado en relacións patriarcais que provocan illamento e invisibilidade das mulleres relegadas a traballos familiares non remunerados como algo natural nun mundo naturalmente desigual. E, como ten sinalado nun escrito recente, “han de darse por superados los tiempos del igualitarismo formal y de los valores abstractos, debiendo pasarse con decisión al logro de la igualdad real o sustancial de las personas, mujeres y hombres”. Non podemos resignarnos a que pasen outros cen anos ata lograla.

Hoxe, e particularmente no ámbito das institucións e administración públicas, precísase esforzo colaborativo entre as institucións para traballar cara á igualdade efectiva das mulleres no sector público, pois se ben a súa presenza no conxunto das administracións públicas é maioritaria na última década, e continúa avanzar, segue a haber unha fenda na ocupación de postos directivos, que non chega ao 30%, e a fenda salarial segue a ser evidente, como hoxe mesmo se ven de publicar nun xornal nacional.

Tamén debemos apostar por unha posición inequívoca das administracións públicas, e conseguintemente das Universidades,  na defensa da igualdade. É, ademáis, urxente nun momento no que mesmo dende algunhas voces da escena política se nega de forma sistemática a discriminación experimentada polas mulleres.

Na USC temos un contexto diagnosticado e claramente definido nos informes e estudos publicados sobre a Igualdade nos anos 2007, 2012 e 2016, que demostran unha evolución positiva nalgúns dos aspectos enunciados, aínda que convén destacar algunhas cuestións nas que a desigualdade segue constituíndo unha fenda aínda moi significativa. Por iso vimos de aprobar este mesmo ano o III Plan de igualdade, como unha ferramenta necesaria para seguir avanzando cara a esa imprescindible igualdade efectiva.

Entre o estudantado, a Universidade de Santiago presenta as porcentaxes de presenza feminina máis elevadas das Universidades públicas españolas, acadando o 62,4 % nos estudos de grao e estando igualmente por enriba do 50 % tanto en mestrado como en doutoramento. A pesar deses datos globais aínda se perciben algunhas fendas de xénero relacionadas cos roles que socialmente se atribúen a mulleres e homes. Así, os estudos asociados ao ensino e aos coidados, como Enfermaría, Traballo Social ou Educación Infantil, seguen a ser áreas formativas profundamente feminizadas, mentres que os graos técnicos como as enxeñarías ou a arquitectura persisten como áreas masculinizadas, malia o avance imparable da matriculación de mulleres nas titulacións de ciencias.

Ao mesmo tempo, a presenza nos lugares de tomas de decisión colectivas e os cadros de honra de persoal seguen a presentar un desequilibrio en termos de ratios igualitarias, aínda que nos últimos anos tense avanzado na dirección correcta conseguindo un maior equilibro grazas ao acceso de máis mulleres a estes contextos.
Dentro do noso persoal docente, o 42,9 % son mulleres, 1,5 puntos por enriba da media das Universidades públicas, mentres que entre o PAS a ratio sobe ata o 56,7 .
Ora ben, unha análise máis detallada da presenza de mulleres nas diferentes figuras de profesorado na nosa Universidade mostra unha liña decrecente conforme se avanza na carreira académica. Así, mentres que as mulleres ocupan o 59% dos postos de profesorado axudante doutor, a súa presenza baixa ao 50% e ao 45%, respectivamente, do profesorado contratado doutor e do profesorado titular, para caer a un exiguo 28% no caso do corpo de catedráticos e catedráticas de universidade.
Así e todo, hai algúns indicadores que indican que a situación está evolucionando na liña de reverter unha situación a todas luces insatisfactoria. Así, por cinguirnos á categoría que representa o cumio da carreira académica, podemos ver que das persoas que na nosa Universidade accederon á condición de catedrático ou catedrática nos últimos cinco anos as mulleres representan xa o 48%. En calquera caso, convén termos presente que datos esperanzadores coma este non nos deben levar á autocompracencia nin a baixar a garda, senón a redobrar o esforzo e a perseverar no empeño de atinxir unha igualdade que a institución debe asumir como un imperativo ético.

Por canto á investigación, de novo se produce unha desigualdade notable nos postos superiores , xa que as direccións dos grupos de investigación están ocupadas, maioritariamente, por homes. Aínda que se producen picos na captación de recursos por grupos cunha muller como líder, estes datos non marcan tendencia senón que poden interpretarse como excepción a unha norma na que son os compañeiros homes os que copan o financiamento para desenvolver proxectos de investigación, o que ten unha influencia directa sobre os temas que se abordan nestas pescudas.

Pero os traballos, a loita en clave igualitaria e os esforzos colectivos, comezan a dar o seu froito en aspectos nos que se presenta un avance dentro deste diagnóstico xeral sobre a igualdade na USC. Así,  na oferta académica, produciuse unha ampliación significativa das materias nas que se inclúe a perspectiva de xénero. Se en 2008 eran apenas 9 as materias nas que mencionaba explicitamente esta perspectiva, en 2012 xa se computaban 118, con graos nos que en todas as materias ofertadas se tiña en conta a perspectiva de xénero. Os datos seguiron avanzando logo dese cambio de tendencia hai xa dez anos e hoxe, a USC é, cada vez, un pouco máis igualitaria e feminista, aínda que queda camiño por percorrer.

Remato xa. E volvo a referirme á nosa flamante doutora. Por se os méritos fosen poucos, Emilia Casas é tamén unha galega boa e xenerosa, distinguida coa medalla de Galicia que, a pesar de que as circunstancias familiares a obrigaron a moverse, non perdeu nunca a referencia: Monforte de Lemos, a onde lle gusta vir e tomar aire, porque é a terra do seu clan. É unha galega que presume de sentidiño, ese sentido común propio desta terra, que é medida, tolerancia e respecto, e que tomou como lema de vida estas verbas de Cunqueiro: "Na aspereza da vida cotiá, soñar é necesario e perder o tesouro dos ensoños é perder o meirande dos tesouros do mundo". Querida Emilia, non deixes nunca de soñar.

Dixen