Skip to main content

Un cento de expertos debaten o futuro deseño educativo en materia de competencias dixitais nas xornadas sobre Intelixencia Artificial e Desenvolvemento Humano

No centro da imaxe, o reitor Antonio López e a conselleira Carmen Pomar, xunto co resto de participantes na sesión inaugural. Foto: Servimav-USC
No centro da imaxe, o reitor Antonio López e a conselleira Carmen Pomar, xunto co resto de participantes na sesión inaugural. Foto: Servimav-USC
Esta actividade nace da experiencia de máis de 200 expertos de distintas áreas da investigación e a docencia universitaria
Santiago de Compostela

As xornadas sobre Intelixencia Artificial e Desenvolvemento Humano reflexionan na Universidade de Santiago sobre como debe transformarse a formación universitaria nun momento en que a Intelixencia Artificial (IA) está cada día máis presente, ata o punto de que mesmo hai quen a define como a “electricidade do século XXI’. Así, o encontro leva por lema ‘A transformación da educación por e para a IA’ e a súa celebración na USC dá continuidade ás anteriores edicións nas universidades de Valencia e Granada. Esta actividade nace da experiencia de máis de 200 expertos de distintas áreas da investigación e a docencia universitaria, que teñen debatido sobre os retos que formula a IA e aos que deberían facer fronte as políticas públicas nesta materia. Esta é unha iniciativa enmarcada nas actividades da Cátedra de Privacidade e Transformación Dixital Microsoft da Universitat de Valencia cuxa organización acomete a USC coa colaboración do seu Centro singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) e da Rede Empresa e Administración.

O encontro comezou este xoves cun primeiro coloquio ao redor da estratexia nacional de IA e sobre o grao de desenvolvemento da I+D+i neste ámbito, da man do asesor en Ciencia e Universidades do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, Manuel González, e do profesor da Universidade de Granada Francisco Herrera, respectivamente.

Este venres 28 o reitor da USC, Antonio López, presidiu no Salón de Graos da Facultade de Dereito a sesión inaugural das xornadas, nun acto no que tamén participou a conselleira de Educación, Universidade e FP, Carmen Pomar. De inmediato desenvolveranse as distintas sesións previstas e agrupados ao redor de tres bloques temáticos: a formación en IA dos profesionais STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñería e Matemáticas) e do profesorado, así como dos futuros profesionais do dereito e da economía e a empresa. “Non son todos os ámbitos da formación universitaria nos que convén incidir, pero quizais si aqueles por os que temos que empezar, e inmediatamente”, afirma Ricard Martínez, director da Cátedra de Privacidade e Transformación Dixital Microsoft- Universitat de Valencia, en cuxas actividades se enmarcan as xornadas.

Intelixencia artificial na educación
Existe unha coincidencia xeral entre especialistas á hora de considerar o impacto da IA sobre o futuro dos/as profesionais universitarios e sobre o mercado de traballo, tanto en termos de oportunidades e nichos de emprego como en termos de exclusión. Neste sentido, o director da Cátedra Microsoft, Ricard Martínez, considera que “a universidade española enfróntase ao reto de ser un dos motores no liderado da investigación e a educación en materia de IA. Iso esixe abordar un deseño educativo orientado ás competencias dixitais”. Unha análise preliminar realizada polos grupos de traballo que prepararon os documentos para o debate “evidencia a necesidade dunha revisión significativa da formación do profesorado nas etapas preuniversitarias, tanto na súa formación continua como na súa formación universitaria inicial”.

Profundando na pertinencia das xornadas, o director do CiTIUS, o profesor Senén Barro, engade que “as tecnoloxías intelixentes, como a aprendizaxe automática, o big data ou o Internet das cousas, están a cambiar rapidamente o tipo de habilidades que requiren os profesionais e afectando cada vez de modo máis intenso ao emprego”. Neste sentido, a Unesco incide na necesidade de “revisar os programas académicos para incorporar as habilidades dixitais e as chamadas soft skills”. “As máquinas serán cada vez máis intelixentes e xa están a demostrar máis competencia que as persoas en moitas tarefas nas que paradoxalmente insistimos na educación. Debemos ensinar aos nosos mozos aquilo que máis nos diferencia das máquinas, como a creatividade ou o pensamento crítico, ou acabarán facendo o traballo para o que usar unha máquina aínda salga máis caro”, destaca Senén Barro.

No encontro que se celebra en Compostela este xoves 27 e o venres 28 está prevista a participación dun centenar de persoal experto de máis de vinte universidades españolas, representantes da Conferencia de Reitores, así como da administración tanto autonómica como estatal e dos sectores empresariais e profesionais.

A sesión continuará ao longo de todo este venres na Facultade de Dereito. Foto: Servimav-USC

The contents of this page were updated on 01.03.2020.