Skip to main content

A desigualdade de xénero no traballo centra unha mesa de debate na Facultade de Administración e Dirección de Empresas

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A profesora Ángeles López Cabarcos moderará este mércores 25 o coloquio, que se desenvolverá a partir das 12.00 horas na Aula Magna do centro universitario lugués

A desigualdade de xénero no ámbito laboral centra este mércores a temática dunha mesa de debate que se desenvolverá a partir das 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do Campus Terra da USC. Esta sesión, promovida polo alumnado de terceiro curso do grao en ADE no marco dun estudo sobre a relación das persoas no ámbito organizativo, estará moderada pola profesora Ángeles López Cabarcos e contará como relatores con cinco persoas representativas de ámbitos profesionais e laborais diversos.

A secretaria Xeralde Igualdade da Xunta de Galicia, Susana López Abella, abrirá a quenda de intervencións cun relato no que tratará a relación entre conciliación e desigualdade laboral. De seguido, Leticia Vázquez Tarodo, Controller financeiro en Cafés Candelas SL, abordará a realidade da desigualdade nos postos de dirección.

As diferencias de retribucións e salarios entre homes e mulleres vertebrará a intervención neste foro de Carme Aira Paz, membro da executiva federal de CIG-Saúde-Secretaría da Muller e da Negociación Colectiva. O profesor, investigador e colaborador do ISSGA e do Colexio de Psicólogos de Galicia Carlos Montes Piñeiro afondará na prevención da desigualdade no marco dun foro que pechará a coordinadora da Oficina de Igualdade da USC, Eva Aguayo Lorenzo, quen achegará a súa visión sobre a desigualdade no ámbito universitario.

The contents of this page were updated on 04.24.2018.