Skip to main content

A partir da metaanálise de estudos internacionais previos, relacionan a manifestación da síndrome premenstrual co consumo de alcohol

María del Mar Fernández e Bahi Takkouche
María del Mar Fernández e Bahi Takkouche

A partir da revisión analítica de 19 estudos previos de oito países diferentes con máis de 50.000 participantes, investigadores de Medicina Preventiva da USC e da Universidade de Southampton calculan que un de cada dez casos de síndrome premenstrual no mundo podería estar relacionada co consumo de alcohol. Segundo a metaanálise realizada, as mulleres que consumen alcohol teñen un risco de síndrome premenstrual un 45% máis alto que as que non beben. Os datos manexados polo equipo investigador elevan a 3.000 o número de días de malestar asociados a períodos menstruais que padecen as mulleres ao longo da súa vida fértil.

A síndrome premenstrual é “un conxunto de síntomas físicos, psíquicos e comportamentais asociados ao ciclos menstruais”. Os máis característicos, explica o doutor Takkouche, son a irritabilidade e inchazón abdominal, aínda que os cambios de humor, a ansiedade, a depresión, a perda de control, a fatiga, a dificultade de concentración, a ansiedade pola comida, así como a dor de cabeza ou de peito tamén forma parte da abano de posibles síntomas que conforman esta síndrome, explica o equipo internacional no que participa a USC e que acaba de publicar os seus estudos na revista British Medical Journal Open.

O incremento de risco da síndrome premenstrual en consumidoras de alcohol débese ás alteracións que provoca o alcohol nos niveis de hormonas sexuais esteroideas durante o ciclo menstrual e ás interaccións coa serotonina. Como explica o profesor da Facultade de Medicina Bahi Takkouche “o consumo excesivo incrementa o risco de padecer a síndrome nun 79%”.

Co título ‘Premenstrual syndrome and alcohol consumption: a systematic review and meta-analysis’, asinaron o traballo a matrona María del Mar Fernández, o profesor Bahi Takkouche e Jurgita Saulyte, os tres do Departamento de Medicina Preventiva da USC e do Centro de Investigación Biomédica en Rede de Epidemioloxía e Saúde Pública (CIBER-ESP), e Hazel M. Inskip, da Universidade de Southampton. O mesmo equipo traballa actualmente no estudo do papel do tabaco e dos factores psicolóxicos na aparición da mesma síndrome.

The contents of this page were updated on 04.24.2018.