O grupo Sistemas Silvopastorais do Campus Terra da USC impulsa o micoturismo no xeodestino Ancares-Courel
O grupo Sistemas Silvopastorais do Campus Terra da USC, coordinado polo catedrático Antonio Rigueiro Rodríguez, impulsa o micoturismo no xeodestino Ancares-Courel a través do desenvolvemento nos vindeiros meses de diversas actuacións contempladas no convenio que veñen de renovar a USC e a Área de Medio Ambiente da Deputación Provincial de Lugo. Na execución e organización das accións previstas tamén colaboran a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses e Montes de Navia, Cervantes e Becerreá, a Estación Científica do Courel e a Asociación Micolóxica Lucus, ademais doutras institucións, organizacións e asociacións do territorio.
As actuacións contempladas neste proxecto, que conta cun financiamento de 40.000 euros por parte da Deputación Provincial de Lugo, ademais do compromiso de continuidade para 2019, procuran a promoción e valorización do turismo e dos recursos micolóxicos e naturais no xeodestino Ancares-Courel, segundo sinala Rigueiro Rodríguez.
A primeira das acción previstas desenvolverase ao longo do mes de xuño na instalacións da Estación Científica do Courel, que acubillarán o evento de turismo científico BioBlitz. Trátase dunha actividade de carácter público, ao abeiro da que se realizará unha prospección intensa da biodiversidade dunha área delimitada durante un período de 24 horas. Os promotores do evento pretenden implicar neste estudo de campo ao maior número posible de membros da comunidade científica, pero tamén a outros estudosos e naturalistas, así como á cidadanía en xeral, á que se convida a ser protagonista deste acontecemento.
O proxecto ‘Actuacións e desenvolvemento do micoturismo no xeodestino Ancares-Courel’ para este ano contempla tamén a celebración no mes de xullo doutro evento popular de promoción do recurso micolóxico como é a Festa da Cantarela, en Paderne do Courel. A ‘cantarela’ (Cantharellus cibarius e variedades) é unha das especies de cogomelos con maior valor e calidade gastronómica, moi representada na época primaveral en diversos hábitats dos territorios de montaña, en particular nos soutos de castiñeiro. Trátase dun evento de exaltación deste recurso micolóxico con actividades didácticas e festivas (charlas, demostracións prácticas de cociña, degustación popular de cogomelos, etc.).
Accións formativas
O grupo Sistemas Silvopastorais do Campus Terra da USC desenvolverá tamén en outono, ao abeiro deste proxecto e en colaboración coa área de Medio Ambiente da Deputación de Lugo e a Reserva da Biosfera Os Ancares Lucenses, un curso teórico-práctico de iniciación á micoloxía en Becerreá, así como outra acción de recolección e cociña dos cogomelos en Cervantes. Asemade, alén doutras actividades formativas que que se irán incorporando, os distintos axentes implicados neste proxecto tamén darán continuidade este ano ás actuacións de apoio e colaboración nas actividades turísticas, formativas e divulgativas das empresas de ecoturismo e dos colexios do territorio.
A preparación e edición do material educativo e tamén de divulgación elaborado a partir dos traballos de estudo e inventariado micolóxico xa desenvolvidos polo presidente da Agrupación Micolóxica Lucus e investigador do grupo de investigación de sistemas silvopastorais, Julián Alonso Díaz, durante o último ano e medio, é outro dos cometidos deste proxecto. Esta acción posibilitará publicar este ano a primeira Monografía Micolóxica técnico-científica do territorio e unha pequena guía micolóxica turístico-didáctica de Ancares-Courel.