Creando referentes científicos femininos en centros de educación primaria e secundaria
Entre este martes 24 e o 2 de maio a exposición itinerante ‘Mulleres no laboratorio: as primeiras científicas da USC’ organizada pola Oficina de Igualdade de Xénero da USC permanecerá no IES Rosalía de Castro, rematando así o seu percorrido polos dez institutos públicos de educación secundaria do Concello de Santiago de Compostela.
A inauguración da mostra neste centro compostelán terá lugar ás 11.00 horas coa presenza da súa autora, a investigadora da USC Xoana Pintos Barral; a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo, e a concelleira de Igualdade, Marta Lois González.
Esta actividade desenvólvese no marco do convenio de colaboración entre Concello compostelán e a USC que ten como finalidade visibilizar o traballo das científicas e promover a creación de referentes femininos na ciencia, rescatando do esquecemento as primeiras científicas que pasaron pola nosa universidade.
Durante o tempo que a mostra permaneceu nos centros, Xoana Pintos, autora do traballo de doutoramento 'As mulleres nos estudos experimentais na Universidade de Santiago: 1910-1960', colaborou impartindo charlas explicativas.
Unha enxeñeira ou científica en cada cole No marco do mesmo convenio, esta semana ponse en marcha a terceira edición do programa de promoción de vocacións científicas nas rapazas ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’, con obradoiros para o alumnado de primaria de colexios públicos de Santiago nos que se amosa a relación da ciencia e da tecnoloxía coa vida cotiá. Os obradoiros impartiranos investigadoras da USC e do CESGA, para darlles referentes femininos que sirvan de modelos a nenas e adolescentes.
O programa comezará no CEIP López Ferreiro este xoves 26 co obradoiro ‘ísica Divertida’ que impartirán Mª José Pérez Comuñas e Encina Calvo Iglesias, profesoras do Departamento de Física Aplicada da USC. O venres será a quenda de Laura Acevedo e Noela Torrente, técnicas superiores de apoio á investigación do CIQUS, con ‘A Maxia da Química’.