Skip to main content

O decano de Medicina e Odontoloxía subliña o “ineludible compromiso” que esta Facultade mantén coa sociedade galega

O catedrático da Área de Cirurxía Julián Álvarez Escudero foi reelixido en setembro de 2021 como decano desta Facultade. FOTO: Santi Alvite
O catedrático da Área de Cirurxía Julián Álvarez Escudero foi reelixido en setembro de 2021 como decano desta Facultade. FOTO: Santi Alvite
“Temos a responsabilidade e os desafíos propios de ser a Facultade de Medicina de Galicia”, destacou o reitor Antonio López na toma de posesión de Julián Álvarez, quen repite á fronte da dirección deste centro da USC
Santiago de Compostela

“A nosa Facultade ten unha serie de peculiaridades que lle dan unha entidade propia e única dentro do contexto da Universidade de Santiago de Compostela e do Sistema Universitario Galego”. Así, subliñando a singularidade da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC, comezou o profesor Julián Álvarez o seu discurso de toma de posesión como decano dun centro que mantén, dixo, un “ineludible compromiso” coa sociedade galega. O acto estivo presidido polo reitor Antonio López, quen compartindo o diagnóstico realizado polo decano, destacou que “temos a responsabilidade e os desafíos propios de ser a Facultade de Medicina de Galicia”.

Antonio López agradeceu ao equipo decanal o traballo e o esforzo levados a cabo durante a pandemia xa que “fomos quen de saír adiante en tempos difíciles”, dixo. O Plan de Infraestruturas da USC foi o primeiro dos puntos a tratar polo reitor no acto de toma de posesión. “Queremos facer deste edificio histórico a nova Facultade de Medicina da USC” afirmou en resposta ás reflexións do decano sobre as necesidades deste centro en materia de infraestruturas. Deste xeito, en 2022 está programada a rehabilitación integral do edificio de San Francisco que se suma aos máis de catro millóns xa investidos na rehabilitación realizada o pasado ano e aos 700.000 euros nas instalacións dos estudos de Odontoloxía. En conxunto, este proceso permitirá “poñer en valor a localización histórica e estratéxica” deste emprazamento na cidade de Compostela.

O reitor tamén puxo o foco no relevo xeracional ante o “proceso acelerado” de xubilacións que de está a vivir na institución compostelá. Neste senso, Antonio López destacou, por unha banda, como a USC está a apostar por dar pulo á figura do profesorado axudante doutor. Doutra banda, o reitor anunciou que conxuntamente coa Consellaría de Sanidade vai impulsarse un plan de dotación de prazas para docentes con vinculación asistencial. Neste senso, Antonio López tamén puxo o foco na necesidade de que a ANECA flexibilice os criterios con respecto á acreditación necesaria para acceder a este tipo de prazas. Finalmente e con respecto ao plano docente, Antonio López compartiu a necesidade de reformar a oferta formativa  “adaptada á realidade de cada momento” e destacou a necesidade de estar atentos a novas ofertas de mestrado.

 A sesión celebrada este venres no Salón de Actos da Facultade, comezou coa lectura por parte da secretaria xeral, Dulce García Mella, do nomeamento do decano. A continuación, Julián Álvarez pronunciou un discurso que puxo o foco na relevancia deste centro para Galicia.  “Seguimos sendo a única Facultade de Medicina e de Odontoloxía da nosa comunidade, e impartimos dúas titulacións de grao, a de médico e a de odontólogo, que teñen o máximo impacto sanitario na Comunidade Galega, e nós, nesta Facultade formamos un número moi importante dos profesionais que atenden a vosa e a nosa saúde”.

Álvarez tivo palabras de agradecemento para o equipo reitoral con quen compartiu a xestión da pandemia, “non foi nin é un tempo fácil”, dixo; así como para o persoal docente e investigador do centro, persoal de administración e servizos e alumnado, “o alfa e omega da Facultade”, engadiu. Álvarez amosou o seu agradecemento polo plan director do Edificio de San Francisco que xa concluíu a súa primeira fase centrada nas obras da envolvente do edificio, teito e paredes.

O decano tampouco quixo esquecer a importancia da investigación. “Temos puntos fortes obvios, impartimos docencia, investigamos e facemos asistencia tanto nos centros hospitalarios como en Odontoloxía, recoñecida como Centro Sanitario, onde se desenvolven programas de saúde bucodental de grande impacto”, afirmou. Tamén aludiu á evolución do cadro docente e ao deseño e concepción dos MIR.

Currículo

O catedrático da Área de Cirurxía Julián Álvarez Escudero foi reelixido en setembro de 2021 como decano desta Facultade con 75 votos a favor, 26 en branco e 2 nulos. Adscrito ao Departamento de Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas, Julián Álvarez Escudero é ademais xefe do Servizo de Anestesioloxía, Reanimación e Tratamento da Dor do Complexo Hospistalario Universitario de Santiago. Con anterioridade foi presidente da Sociedade Española de Anestesioloxía, Reanimación e Terapéutica da Dor así como da Comisión Nacional da Especialidade. No eido investigador está adscrito ao grupo Investigación Translacional do Doente Crítico.

Equipo de goberno

Álvarez compartirá a dirección da Facultade cos vicedecanos/as Ángela Juana Torres Iglesias, Mª Jesús Mora Bermúdez e José Martín Carreira Villamor. Mª del Pilar Fernández Rodríguez será a secretaria do centro.

The contents of this page were updated on 01.14.2022.