Skip to main content

Filosofía achega a primeira biografía de Xaime Isla Couto, un dos líderes estratéxicos da Xeración Galaxia

O profesor da USC, Xosé Luís Pastoriza Rozas, acaba de defender na Facultade de Filosofía, esta tese de doutoramento dirixida polo catedrático Marcelino Agís Villaverde. O tribunal estivo composto polos profesores Xavier Martínez Cobas da UVigo, así como por Luís García Soto da USC e Celeste Natário da Universidade de Porto
O profesor da USC, Xosé Luís Pastoriza Rozas, acaba de defender na Facultade de Filosofía, esta tese de doutoramento dirixida polo catedrático Marcelino Agís Villaverde. O tribunal estivo composto polos profesores Xavier Martínez Cobas da UVigo, así como por Luís García Soto da USC e Celeste Natário da Universidade de Porto
Xosé Luís Pastoriza Rozas é autor da investigación que afonda na figura deste senlleiro avogado, economista e catedrático da USC
Santiago de Compostela

A investigación ‘Galeguismo, humanismo e desenvolvemento: o pensamento militante de Xaime Isla Couto’ constitúe a primeira biografía deste avogado, economista, catedrático da USC e un dos líderes estratéxicos da Xeración Galaxia. Este traballo, froito da tese de doutoramento do profesor Xosé Luís Pastoriza Rozas, desvela aspectos descoñecidos desta figura capital na introdución do europeísmo en Galicia nos anos 50, na transmisión do galeguismo ás novas xeracións universitarias, na creación dunha industria editorial en galego, así como na renovación do ensaísmo económico en lingua galega e na modernización dos estudos e investigacións económicas dende a dirección da pioneira Revista de Economía de Galicia.

A tese afonda en como, durante a II República, Xaime Isla promoveu as Mocedades Galeguistas e foi alumno-bolseiro do Seminario de Estudos Galegos. “Herdeiro intelectual de Castelao, Risco, Otero Pedrayo, Peña Novo e Filgueira Valverde, durante a posguerra, significouse como un dos líderes do galeguismo na clandestinidade ata que en 1950 deseñou a iniciativa empresarial da Editorial Galaxia”, explica o profesor Pastoriza Rozas. “Intelectual formado no personalismo comunitario e o humanismo cristián, na súa obra artellou tres discursos de resistencia: a resistencia do galeguismo democrático á ditadura franquista; a resistencia do cristianismo renovador e aperturista ao nacionalcatolicismo lexitimador do franquismo; e a resistencia crítica ao capitalismo desarrollista promovido polo réxime autoritario dende a década de 1960”, engade.

O profesor da USC, Xosé Luís Pastoriza Rozas, acaba de defender na Facultade de Filosofía, esta tese de doutoramento dirixida polo catedrático Marcelino Agís Villaverde. O tribunal estivo composto polos profesores Xavier Martínez Cobas da UVigo, así como por Luís García Soto da USC e Celeste Natário da Universidade de Porto, que outorgaron a máxima cualificación a este traballo.  

The contents of this page were updated on 01.17.2022.