Skip to main content

A primeira tese de doutoramento da USC en Nutrición e Dietética identifica varios factores que predispoñen á obesidade en Galicia

Paula Roca, entre Alejandra Cardelle e José Manuel Miranda, na Facultade de Ciencias da USC
Paula Roca, entre Alejandra Cardelle e José Manuel Miranda, na Facultade de Ciencias da USC
A guitiricense Paula Roca analiza na súa investigación, dirixida por Alejandra Cardelle e José Manuel Miranda, a composición da microbiota intestinal da poboación galega

A primeira tese de doutoramento da USC en Nutrición e Dietética, unha investigación que vén de presentar a investigadora guitiricense Paula Roca Saavedra na Facultade de Ciencias do Campus Terra da USC baixo o título ‘Estudo da influencia de factores externos na modificación do microbioma e estado nutricional poboacional’, identifica varios factores que predispoñen á obesidade en Galicia, que é unha das comunidades autónomas de España que presenta maiores índices de obesidade.

A investigación de doutoramento realizada pola graduada en Nutrición Humana e Dietética Paula Roca Saavedra e dirixida polos profesores doutores do Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control dos Alimentos (Lhica) da USC Alejandra Cardelle Cobas e José Manuel Miranda López, está estruturada en cinco artigos científicos xa publicados e nos que se achegan datos de gran interese para identificar algúns factores que favorecen que Galicia estea entre as comunidades autónomas de España con maiores índices de obesidade.

Roca Saavedra acomete na súa tese a primeira análise realizada na poboación galega sobre a súa microbiota intestinal, tal e como se denomina ao conxunto de microorganismos que habitan no aparato dixestivo das persoas, e supón arredor do 90% do total de células do noso organismo, o que dá boa idea da súa importancia.

Os estudos realizados ao abeiro desta investigación demostraron que a microbiota intestinal das persoas obxecto de estudo é abundante e diversa, o que resulta beneficioso, aínda que presenta uns niveles de bacterias do grupo Actinobacteria moi superior ao habitual en persoas que habitan noutras rexións xeográficas. Este grupo bacteriano atopouse ademais en maior proporción nas persoas con sobrepeso que no resto dos participantes. Tamén se comprobou que outro grupo de bacterias que teñen un papel moi activo na promoción da obesidade, as Proteobacterias, atópanse en maior proporción en persoas de maior idade.

Esta conxuntura pode responder ao feito de que ao longo da nosa vida as persoas inxiren antibióticos, aos que estas bacterias son máis resistentes que as demais, razón pola que van aumentando o seu número e, en consecuencia, substitúen progresivamente ao resto de bacterias. Nesta mesma tese tamén se demostrou que incluso doses moi baixas de antibióticos, que poden quedar nos alimentos producidos por animais dun xeito legal, son capaces de modificar a longo prazo a microbiota das persoas.

Outros aspectos de interese que se demostraron na investigación de doutoramento desenvolvida por Paula Roca Saavedra é que o seguimento da dieta atlántica incrementa a cantidade de bacterias beneficiosas (Bifidobacteium) no noso intestino. Tamén se confirmou que o bagazo de uva, especialmente da uva tinta, tamén incrementa as bacterias beneficiosas. Ademais, identificouse que un ácido graxo pouco coñecido (o ácido fitánico) pode estar a cumprir un cometido importante na prevención da diabetes, enfermidades cardiovasculares e o síndrome metabólico, patoloxías que en Galicia teñen unha prevalencia inferior á rexistrada no resto de España.

Tribunal da tese e cualificación

O catedrático e director do Laboratorio de Hixiene, Inspección en Control dos Alimentos (Lhica) da USC, Alberto Cepeda Sáez, presidiu o tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Roca Saavedra. A doutora Marta Prado Rodríguez, do Instituto Internacional Ibérico de Nanotecnoloxía de Braga (Portugal), en calidade de vogal, e a doutora Inmaculada Concepción Fernández No, do Centro Tecnolóxico Agroalimentario (CETAL) do Ministerio de Agricultura, Pesca, Alimentación e Medio Ambiente, que asumiu as funcións de secretaria, completaron a composición dun tribunal que acordou por unanimidade outorgar a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á primeira investigación de doutoramento desenvolvida na USC sobre Nutrición Humana e Dietética.

The contents of this page were updated on 04.27.2018.