Skip to main content

Catorce investigadoras da USC, entre as científicas de España con maior influencia

Investigadoras nun laboratorio da USC. Foto: Santi Alvite
Investigadoras nun laboratorio da USC. Foto: Santi Alvite
O ránking DIH, que na súa última edición analiza a produción de 785 investigadoras, establece unha clasificación en función do índice h, un sistema que mide a calidade profesional das científicas en función do número de publicacións e da cantidade de citas que reciben
Lugo, Santiago de Compostela

As investigadoras da USC son protagonistas destacadas no panorama científico nacional, tal e como se constata na última edición do ránking DIH, que inclúe 14 investigadoras da USC entre as mellores científicas residentes en España. Este clasificación das científicas españolas residentes en España avalía a calidade científica en función do denominado índice h, unha metodoloxía proposta por Jorge Hirsch, da Universidade de California, que ten en conta o número de artigos publicados e a posterior cantidade de citas que rexistra para determinar o impacto das publicacións científicas.

As investigadoras da USC incluídas nesta nova listaxe do ránking DIH, cuxos autores analizaron durante o pasado ano 2021 datos referidos ao labor científico desenvolvido por 785 investigadoras residentes en España, pertencen a un amplo abano de áreas de coñecemento e disciplinas diferentes que abrangue desde a Farmacoloxía e Farmacia ata a Microbioloxía, Enxeñaría Química, Química Analítica Nutrición e Bromatoloxía, Química Orgánica, Física de Partículas e Física Aplicada, Análise Matemáticas ou, entre outras Anatomía Patolóxica.

A catedrática de Farmacoloxía e Farmacia da USC María José Alonso, que ocupa a terceira posición deste ránking de mellores científicas residentes en España, é tamén a investigadora da USC que conta cun índice h máis alto. Outras científicas da USC de contrastado relevo e prestixio nacional e internacional nos seus respectivos campos de traballo son Lourdes Santana, Josefa Fernández, Alicia Estévez Toranzo, Carmen Álvarez Lorenzo, Ana María  Soto Campos, María Dolores Cortina, María Teresa Moreira e Beatriz Magariños.

A investigadora do Laboratorio Nacional de Referencia E.coli e profesora da USC na Facultade de Veterinaria Azucena Mora Gutiérrez, é a única científica do Campus de Lugo que figura entre as 466 científicas nacionais máis destacadas contabilizadas nesta última edición do ránking DIH, unha publicación na que tamén figuran outras investigadoras da USC como o son María Pilar Bermejo Barrera, María Llompart, Rosana Rodríguez López ou María Victoria Lareu Huidobro.

 

The contents of this page were updated on 03.22.2023.