Skip to main content

Crean un método de impresión 3D que utiliza a pantalla dun smartphone para producir medicamentos

Álvaro Goyanes, cofundador de FabRx e profesor da USC e da University College of London. Foto: Santi Alvite
Álvaro Goyanes, cofundador de FabRx e profesor da USC e da University College of London. Foto: Santi Alvite
A investigación liderada dende a USC e a University College of London abre a porta a que no futuro poidan imprimirse fármacos dende os propios fogares dos pacientes

Un equipo da USC e da University  College  of  London, xunto coa empresa  FabRx, acaban de desenvolver un novo método de impresión 3D que utiliza a luz da pantalla dun smartphone para producir medicamentos. Esta innovadora técnica de impresión poderíase implementar no futuro tanto en hospitais e farmacias, como en lugares remotos ou mesmo no fogar, facilitando a personalización de medicamentos.

A impresora M3DIMAKER LUX utilizada no estudo —desenvolta pola empresa inglesa  FabRx, en colaboración coa empresa coruñesa 3DLimitless— pódese usar para imprimir coa maioría dos teléfonos actuais, tanto Android como  Apple. Os ensaios e a elaboración das tintas con fármaco para a impresión realizáronse entre ambas as universidades nun estudo colaborativo liderado polo profesor Álvaro Goyanes, cofundador de  FabRx e profesor en ambas as dúas institucións. “O uso destas tecnoloxías innovadoras no campo da saúde, abrirá novas oportunidades e tratamentos que agora mesmo son difíciles de albiscar”, explica o investigador da USC.

Resina de impresión personalizada

Para levar a cabo a impresión, o paciente recibiría unha resina de impresión personalizada, co fármaco ou fármacos requiridos nunha solución fotosensible. A solución colocaríase no tanque da impresora, e a aplicación móbil seleccionaría os parámetros para obter o tamaño e forma do medicamento para imprimir de acordo coa prescrición médica. Ao introducir o teléfono no lugar adaptado dentro da impresora, a luz da pantalla do teléfono produciría o medicamento final.

 Un dos investigadores e estudante de doutoramento, Alejandro Seijo, sinala que “este sistema podería axudar a pacientes que necesiten doses distintas ás que normalmente se adoitan vender en farmacias, mesmo se as súas doses cambian regularmente” Os imprimidos (medicamentos 3D) son totalmente  personalizables en tamaño e forma, o que permite regular a porcentaxe de liberación do fármaco ao torrente sanguíneo. “Outra vantaxe desta tecnoloxía é a posibilidade de imprimir varios fármacos á vez, o que reduciría a cantidade de medicamentos que algúns pacientes, por exemplo, de idade avanzada, adoitan tomar e así reducir a probabilidade de saltarse algunha dose”, engaden dende o equipo investigador.  

No estudo, elaboráronse con éxito imprimidos de warfarina,  anticoagulante oral, en distintas doses, tamaños e formas. Ademais, para coñecer como o fármaco se libera para ser absorbido ao  torrente sanguíneo, realizáronse ensaios destes imprimidos utilizando un modelo de laboratorio que emula as condicións do tracto dixestivo, comprobándose que a liberación do fármaco é gradual durante 24 horas. A liberación pódese modificar en función do tamaño e forma do imprimido, podendo así personalizarse dependendo de como de rápido de requira o efecto do medicamento.

Actualmente a investigación está centrada na seguridade das resinas, para que nun futuro se inicien os ensaios en humanos baixo un marco regulatorio que proporcione un uso seguro desta tecnoloxía. Carlos Rial, informático da compañía  FabRx que traballa dende Santiago, afirma que “a impresión 3D de medicamentos está a cambiar agora mesmo a fabricación tradicional de medicinas cara a unha produción máis personalizada”. Esta tecnoloxía abre as portas á unha futura impresión de medicamentos dende a casa.

A impresora M3DIMAKER LUX utilizada no estudo
A impresora M3DIMAKER LUX utilizada no estudo
The contents of this page were updated on 01.27.2022.