Skip to main content

A USC creará en 2022 máis de medio cento de prazas de profesorado axudante doutor

A USC abordará en 2022 a creación de máis de medio cento de prazas de profesorado axudante doutor. Foto: Santi Alvite
A USC abordará en 2022 a creación de máis de medio cento de prazas de profesorado axudante doutor. Foto: Santi Alvite
O Consello de Goberno aprobou tamén o protocolo de actuación que permitirá os cambios de nome e de mención relativa ao sexo das persoas transexuais, transxénero e intersexuais dentro da propia institución

A creación de máis de medio cento de prazas de profesorado axudante doutor é unhas das principais medidas que a USC acometerá como parte do conxunto de actuacións en materia de Persoal Docente e Investigador (PDI) para o exercicio de 2022. En concreto, o documento aprobado este xoves no Consello de Goberno contempla a creación de 68 prazas docentes, das cales 52 están destinadas a este corpo docente. Esta medida atópase en consonancia coas premisas que sustentan o Plan plurianual de Profesorado 2019-2022 e ao abeiro do cal se teñen adoptado nos últimos anos diversas medidas tanto en materia de dotación de prazas como na mellora das condicións laborais deste colectivo.  

Como explicou o vicerreitor de Profesorado, Ernesto González Seoane, “o profesorado axudante doutor é unha figura de acceso á carreira docente e investigadora pola que a USC aposta de forma decidida como vía para propiciar o relevo xeracional e abordar o rexuvenecemento do seu cadro de persoal docente”. Ademais, unha vez que se coñeza o número real de baixas que se vaian producir á finalización do presente curso e as dispoñibilidades orzamentarias para o ano 2022, esta cifra poderá revisarse para crear prazas adicionais que se asignarán nunha segunda rolda.

O documento aprobado na sesión deste xoves 27 tamén recolle as prazas para promoción e estabilización de persoal en categorías con vinculación permanente. Así, proponse a creación de 24 prazas de profesorado contratado doutor e de 4 prazas de profesorado titular para posibilitar a promoción de profesorado axudante doutor que finaliza o seu contrato antes do 31 de decembro de 2023.

A dotación de 20 prazas de profesorado titular de universidade para posibilitar a promoción de profesorado contratado doutor acreditado para este corpo docente, así como 35 de catedrático/a para impulsar a promoción do profesorado titular integran unhas actuacións entre as que tamén se atopan as dez prazas de profesorado destinadas á estabilización de investigadoras/es Ramón y Cajal e doutros programas de excelencia. En relación co devandito programa, o Consello de Goberno aprobou tamén un total de 19 prazas para persoal investigador no marco da convocatoria Ramón y Cajal 2021.

A reforma laboral e as implicacións para a xestión do persoal foi outro dos temas presentes na xuntanza do Consello de Goberno. En termos globais, como explicou o xerente da USC, Javier Ferreira, trátase dunha reforma “positiva, en termos globais” que vai na liña da formulación realizada ao inicio deste mandato reitoral a prol da dignificación da situación do persoal investigador, obxectivo para o que a USC asinaba recentemente un acordo que aspira a estruturalizar unha parte do colectivo investigador contratado. O xerente explicou que xa se teñen demandado da administración estatal aclaracións adicionais respecto de imprecisións e cuestións técnicas sobre a aplicación da reforma ao ser un texto normativo non pensado especificamente para as administracións públicas.

Non obstante, co obxecto de avanzar e posicionar a USC na mellor situación para a aplicación da reforma laboral, a de Santiago será a primeira universidade pública do estado que solicitará unha taxa de reposición adicional para a estabilización de persoas contratadas cunha temporalidade de longa duración. O xerente tamén puxo o foco de atención na necesidade de abordar o financiamento do cadro de persoal investigador cun enfoque estrutural e basal, que permita corrixir os actuais niveis de precariedade ou mesmo situacións de fraude de lei, derivadas de convocatorias de contratación actualmente deseñadas polos órganos financiadores de costas aos contidos da proposta de reforma laboral.

Protocolo transxénero

O Consello de Goberno tamén deu luz verde ao protocolo de actuación que permitirá os cambios de nome e de mención relativa ao sexo das persoas transexuais, transxénero e intersexuais na USC. A través deste documento posibilítase que as persoas con identidade de xénero distinta á asignada no momento do nacemento poidan exercer o seu dereito á libre manifestación da identidade e expresión de xénero, tratando de evitar calquera tipo de discriminación. Os cambios de nome solicitados levaranse a cabo en procedementos internos da USC como a Tarxeta Universitaria de Identidade (TUI), a denominación da conta de correo electrónico, as listas internas de clase que utilice o profesorado, as aplicacións corporativas Campus Virtual e no MS 365, o Sistema Universitario de Residencias e no Servizo de Deportes e a difusión interna polos centros e departamentos de información sobre representantes de estudantes nos órganos colexiados correspondentes.  

O procedemento iniciarase pola persoa interesada mediante a solicitude de cambio de nome, que deberá realizarse preferentemente ao inicio do curso académico. A solicitude, dirixida á Secretaría Xeral, efectuarase por medio do formulario habilitado para estes efectos que deberá presentarse a través do Rexistro Electrónico. A persoa interesada poderá, se así o desexa, incluír en anexo á solicitude unha fotografía actualizada, que substituirá a existente nese momento nas bases de datos xestionadas de forma centralizada pola Universidade.

Ademais, na reunión celebrada este xoves 27 de xaneiro, o órgano colexiado aprobou tamén a adhesión da USC á Rede de Universidades pola Diversidade, órgano de confluencia e de representación do conxunto de universidades españolas no ámbito relativo á diversidade sexual e de xénero, así como á diversidade por procedencia, cultura, crenzas e afíns.

Outros asuntos

O órgano colexiado aprobou tamén a relación das 138 persoas galardoadas cos Premios extraordinarios de grao e mestrado correspondentes ao curso 2020-2021; así como a modificación da denominación da unidade asociada entre o Consello Superior de Investigacións Científicas-CSIC (Misión Biolóxica de Galicia) e a USC que pasa de chamarse ‘Unidade asociada Misión Biolóxica de Galicia-CIQUS' a denominarse ‘Unidade Asociada Biocontrol de Cultivos’. Os regulamentos de traballos de fin de estudos, e a actualización das tarifas da  Aula de Produtos Lácteos completaron a orde do día xunto aos capítulos destinados a asuntos económicos e convenios.

 

The contents of this page were updated on 02.01.2022.