Skip to main content

Antonio López e Juan Viaño, proclamados candidatos a reitor

Antonio López e Juan Viaño, candidatos a reitor da USC na votación do próximo 23 de abril
Antonio López e Juan Viaño, candidatos a reitor da USC na votación do próximo 23 de abril
Na proclamación definitiva de candidaturas realizada este martes, tamén se fixeron públicas as correspondentes a representantes no Claustro

Os catedráticos Antonio López Díaz e Juan Viaño Rey son os dous candidatos que concorrerán no proceso para a elección de reitor da USC, logo da proclamación definitiva de candidaturas publicada este martes. Igualmente, acaba de facerse pública a proclamación definitiva de candidaturas para a elección de representantes no Claustro Universitario.

Esta proclamación definitiva coincidiu coa presentación pública por parte dos dous candidatos dos seus respectivos equipos de goberno. No caso de Antonio López, intégrano Víctor Arce Vázquez (Estudantes e Internacionalización), Celia Besteiro Rodríguez (Organización Académica), Gumersindo Feijoo Costa (Planificación e Proxección Extratéxica), Dulce García Mella (Secretaría Xeral), Ernesto González Seoane (Profesorado), Mar Lorenzo Moledo (Comunicación, Cultura e Servizos), Mª Victoria Otero Espinar (Titulacións), Vicente Pérez Muñuzuri (Investigación e Innovación) e Montserrat Valcárcel Armesto (Coordinación do Campus de Lugo).

O equipo de Juan Viaño confórmano Andrés Barreiro Lois (Ciencia e Innovación do Campus de Lugo), Javier Bueno Lema (Coordinación do Campus de Lugo), María José Carreira Nouche (Transformación Dixital), José Manuel Cotos Yáñez (Investigación e Transferencia), Rosa Crujeiras Casais (Planificación e Coordinación), Isabel Diz Otero (Oferta Formativa), Loreto Fernández Fernández (Estudantes e Empregabilidade), Consuelo Ferreiro Regueiro (Secretaría Xeral), José Manuel García Iglesias (delegado do reitor para Cultura, Patrimonio e Mecenado), Luis María Hervella Torrón (delegado do reitor para o Ensino Medio), Almudena Hospido Quintana (Internacionalización e Cooperación) e Luis Lima Rodríguez (Organización Académica e PDI).

Calendario
A proclamación definitiva de candidaturas precede á apertura da campaña electoral para as eleccións de reitor e de claustrais, período que se estenderá entre os días 11 e 21 de abril, coa xornada de reflexión fixada no 22 de abril. No caso das eleccións a reitor, o voto anticipado poderá exercerse entre os días 16 e 20 de abril. A votación de ambos procesos electorais celebrarase o luns 23 de abril entre as 10.00 e as 18.00 horas sen prexuízo do disposto para o voto anticipado. A Comisión Electoral determinará os locais de votación unha vez publicado o censo electoral definitivo.

Segunda volta
No caso das eleccións de reitor, o calendario contempla, se fose necesario, a celebración dunha segunda volta cuxa votación se produciría o día 14 de maio. O proceso concluiría, neste último suposto, o 24 de maio coa proclamación definitiva do reitor ou reitora electos. De non haber segunda volta, a proclamación definitiva producirase o día 7 de maio.

The contents of this page were updated on 04.10.2018.