Skip to main content

Un programa fomentará na mocidade a prevención do acoso sexual cara a cara e virtual

O libro en papel, editado por Aranzadi, incorpora tamén unha versión electrónica, para facilitar o uso e impresión das fichas e materiais por parte dos centros educativos interesados
O libro en papel, editado por Aranzadi, incorpora tamén unha versión electrónica, para facilitar o uso e impresión das fichas e materiais por parte dos centros educativos interesados
Realizado por investigadoras da USC, UVigo e Carlos III, propón actividades para desenvolver durante os catro cursos de Educación Secundaria Obrigatoria
Santiago de Compostela

Previr dende o ámbito educativo o acoso sexual exercido cara a cara ou de xeito en liña na etapa adolescente é a meta do programa coeducativo de prevención do (ciber)acoso sexual desenvolvido por investigadoras da USC, UVigo e Carlos III de Madrid. As investigadoras Patricia Alonso (USC),  Yolanda Rodríguez e Rosana Martínez (UVigo), e Alba Adá Lameiras (UC3M) presentaron este luns esta iniciativa que se desenvolve no marco do proxecto ‘O acoso sexual a través dos comentarios sobre o corpo nas relacións interpersoais (IgualaMÁS)’, financiado pola convocatoria Retos de 2019 do Ministerio de Ciencia e Innovación.

O acoso sexual, explican as autoras da publicación, “afecta ao benestar de gran parte da sociedade, especialmente das mulleres e doutros colectivos que transgriden as normas de xénero, evolucionando nos últimos anos sobre todo cara un espazo en liña ocupado, en gran parte, polo colectivo adolescente”. “Seguindo a tendencia actual dos resultados de estudos estatais e internacionais, a pesar de que mozas e mozos adolescentes están a asumir o dobre rol de vítima e de agresor/a, as mozas tenden a identificarse como máis controladoras no espazo virtual e os mozos máis perpetradores do acoso sexual off line, cara a cara”, destacan. Por iso, engaden as investigadoras, preténdese “previr todo tipo de acoso sexual (on line e off line) e abarcando todas as manifestacións do acoso sexual: as perpetradas por parte do grupo de iguais, nas primeiras relacións afectivo-sexuais e por parte de persoas descoñecidas, tanto no espazo público como no espazo privado”.

O programa está deseñado para levar a cabo un traballo “sistemático e rigoroso” co alumnado de Educación Secundaria Obrigatoria (1º a 4º curso, de 12 e os 16 anos). “Con este programa achégase unha proposta innovadora para o colectivo docente de Educación Secundaria Obrigatoria na que se tentou condensar todas aquelas cuestións que poden comprometer o adecuado desenvolvemento integral das e dos adolescentes, que é o obxectivo principal do proceso educativo”, sinalan as súas autoras, lembrando como actualmente disponse de escasos materiais deste tipo.

Actividades didácticas

Os contidos do programa organízanse en dous grandes bloques. O primeiro está dedicado ao acoso sexual na dimensión off line e segundo ao acoso sexual na dimensión on line. Dentro do primeiro bloque contémplanse tres áreas temáticas: acoso sexual entre iguais no ámbito educativo; acoso sexual no ámbito público e acoso sexual na parella. Dentro do segundo bloque inclúense outras tres áreas temáticas: do sexting á sextorsion e ao grooming; ciberacoso sexual entre iguais e do ciberacoso sexual na parella á vinganza porno. Cada unha destas áreas inclúe cinco actividades para traballar ao longo dos catro anos da ESO ou para aplicarse de forma independente. Todas as actividades están deseñadas cun formato moi didáctico, que permite a profesorado e alumnado o seu desenvolvemento paso a paso. Co obxectivo de conectar co público adolescente, hai por exemplo actividades nas que se traballa con cancións populares entre este público, con exemplos de stories de redes sociais ou con materiais de TikTok.

 

“Trátase de fomentar que as e os adolescentes se relacionen de forma axeitada e saudable e que eviten pórse en situacións de vulnerabilidade”, indican as investigadoras. Aínda que deseñado para ser implementado durante o horario de titoría, o material, indican as súas responsables, pode aplicarse dentro da programación doutra materia, desde a transversalidade, especialmente naquelas que inclúa a temática da educación para a saúde, incluída a afectivo-sexual, a igualdade entre homes e mulleres ou a educación para a paz e a non violencia. Tamén se pode utilizar este programa na educación non formal e informal, en intervencións extraescolares. O libro en papel, editado por Aranzadi, incorpora tamén unha versión electrónica, para facilitar o uso e impresión das fichas e materiais por parte dos centros educativos interesados.

As investigadoras Patricia Alonso (USC),  Yolanda Rodríguez e Rosana Martínez (UVigo), e Alba Adá Lameiras (UC3M) presentaron este luns esta iniciativa
As investigadoras Patricia Alonso (USC),  Yolanda Rodríguez e Rosana Martínez (UVigo), e Alba Adá Lameiras (UC3M) presentaron este luns esta iniciativa
The contents of this page were updated on 01.31.2022.