Skip to main content

Entregáronse os XII Premios á calidade lingüística

Gañadores do XII Premios á calidade lingüística. Foto: Paula Martínez Graña
Gañadores do XII Premios á calidade lingüística. Foto: Paula Martínez Graña

O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC entregou este mércores os XII Premios á calidade lingüística nun acto na Facultade de Xeografía e Historia que presidiu a vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva Domínguez, quen afirmou que “este premio é un estímulo para empregar cada vez máis o galego”. Xunto a ela, participaron o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Francisco Durán Villa; o director do SNL da USC, Manuel Núñez Singala; e o secretario xeral de política lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, quen asegurou que “ter unha lingua propia é unha oportunidade porque traballar en galego e loitar polo galego é unha satisfacción persoal, educativa, formativa e profesional. A nosa lingua é un tesouro”.

Hai tres categorías de premios -traballos académicos, proxectos de Fin de Carreira ou de Grao e de Fin de Mestrado-, con cinco premios para cada unha das áreas de coñecemento. O xurado só valorou a calidade lingüística empregada na redacción, non a súa calidade académica ou científica.

Traballos académicos
Os premiados foron Alba Ben García, de 3º curso de Enfermaría, polo traballo Diálise peritoneal e hemodiálise; Carlos Fernández Leira, de 4º de Física, por As matemáticas do que somos; Lidia Gómez Martínez, de 3º de Filoloxía Galega, por Lingua e clase nas telenovelas: a dobraxe galega de Pasión de Gavilanes; e Fernando Riveiro Formoso, de 4º de Economía, por Crecemento económico e medio ambiente. Os gañadores recibiron 150 euros e un diploma.

Proxectos de Fin de Carreira e TFG
Os premiados, dotados con 300 euros, foron Miguel Martínez Cabaleiro, do grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, polo traballo Mudanzas poboacionais de Eisenia sp. e cambios no nivel de nutrientes en tres substratos orgánicos, e Diego Carracedo Conde, do grao en Enxeñaría Informática, por Sistema de automatización de probas en proxectos de Intelixencia de Negocio, ambos ex aequo na área de Enxeñaría. Na de Ciencias Sociais e Xurídicas, o premio recaeu no traballo A importancia da intermediación financeira para o crecemento económico. Teoría e evidencia empírica internacional de Fernando Riveiro Formoso, grao en Economía, mentres que na de Ciencias foi para Técnicas de clasificación, de Fernando Castro Prado, grao en Matemáticas.

En Ciencias da Saúde, o xurado outorgoullo a Marina Rego García, de Farmacia, por Vacinación oral fronte a enfermidades infecciosas, mentres que na área de Arte e Humanidades, igualmente ex aequo, resultados premiados Celtia Rey Brandón, grao en Lingua e Literatura Galegas, por Formación de interxeccións e marcadores do discurso sobre verbos de movemento en galego; Carlos de Francisco Mantiñán, de Historia, co traballo O desenvolvemento industrial galego; e Alba María Rodríguez Díaz, grao en Lingua e Literatura Galegas, por A improvisación oral galega: o brindo ou loia como obxecto de estudo.

Traballos de Fin de Mestrado (TFM)
Os cinco premios, dotados con 500 euros e diploma, foron para Katia Estalote Lago, do mestrado de Enxeñaría Agronómica (Área de Enxeñaría) por Control dimensional mediante correlación dixital de imaxes do ensaio de tracción paralela á fibra en madeira; Ana Belén Buíde Carballosa, do mestrado en Técnicas Estatísticas (Ciencias), por Optimización baixo incerteza en redes de gas; Cristina Núñez Ouzande, do mestrado en Estudos Avanzados sobre a linguaxe, a comunicación e as súas patoloxías (Ciencias da Saúde) por Relación da produción de vocabulario coa complexidade gramatical; e para Claudia Mariño Gómez, do mestrado en Estudos da Literatura e da Cultura (Humanidades) por Literatura galega e poscolonialidade: a obra de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Na Área de Ciencias Sociais e Xurídicas o premio foi concedido ex aequo aos traballos Aproximación creativa ao ensino do vocabulario na clase de inglés de Secundaria: reflexións teóricas e proposta de actividades lúdicas, de Mercedes Martínez Lorenzo, do mestrado en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatorio, Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas; para Avaliación da competencia bilingüe en galego e castelán de alumnado galegofalante e castelán falante de 4º da ESO, de Tamara Rial Montes, do mesmo mestrado, e para Conflitos de contido ambiental: unha análise xeográfica de dous casos en Galicia, de Diego Cidrás Fernández, do mestrado en Planificación e Xestión do Desenvolvemento Territorial.

De esquerda á dereita; Francisco Durán Villa, Carme Silva Domínguez, Valentín García Gómez e Manuel Núñez Singala. Foto: Paula Martínez Graña Acto de Entrega de Premios na Facultade de Xeografía e Historia. Foto: Paula Martínez Graña

The contents of this page were updated on 04.11.2018.