Skip to main content

Comezan en Ciencias da Educación as cuartas xornadas de Educación para o Desenvolvemento

A cuarta edición das xornadas dedicadas á Educación para o Desenvolvemento (ED) celebrarase este martes 10 de abril na Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) coa participación de arredor de 200 persoas inscritas. Este ano, a xornada está centrada na ‘Educación como camiño para a paz’, lema da Campaña Mundial pola Educación que por segundo ano consecutivo apoia esta iniciativa. A xornada enmárcase ademais nos esforzos da USC por divulgar e facer efectiva a Axenda 2030 con especial compromiso co ODS 4 centrado na educación.

A inauguración do programa celebrarase ás 9.30 horas e dará paso aos relatorios de Miguel Rodríguez, titulado ‘Campaña Mundial pola Educación: deixa a túa pegada’, e de Gonzalo Sánchez-Terán, sobre ‘Refuxiados e educación: dereito ao futuro’, tema que tamén tratará nunha charla ás 20.00 horas na Facultade de Filosofía para as persoas que non poidan asistir á sesión matinal. A xornada matinal concluirá cunha mesa redonda na que Mar Lorenzo, do grupo de investigación Esculca; Germán Vargas Callejas, do grupo SEPA; e Ana Lampón Gude, de Solidaridade Internacional de Galicia, presentarán os traballos dos seus respectivos grupos en materia de Educación para o Desenvolvemento.

As cuartas xornadas aglutinan diferentes proxectos e experiencias no ámbito da ED financiados por Cooperación Galega e outros organismos internacionais. A coordinación das xornadas enmárcase no proxecto ‘A ED na formación dos profesionais da educación. Estudo de caso: as titulacións da Facultade de Ciencias da Educación da USC’.

The contents of this page were updated on 04.09.2018.