Skip to main content

Alexandre Sotelino reúnese co ministro de Universidades

Alexandre Sotelino e Joan Subirats
Alexandre Sotelino e Joan Subirats
Joan Subirats felicitouno por ser elixido mellor docente universitario de España nos Premios Educa
Santiago de Compostela

O profesor da USC Alexandre Sotelino reuniuse co ministro de Universidades, Joan Subirats, co gallo da concesión do premio ao mellor docente universitario de España nos Premios Educa. Na reunión, Subirats felicitou a Sotelino polo galardón e conversaron sobre a mellora da calidade docente, das metodoloxías pedagóxicas na Educación Superior e tamén de políticas universitarias. Este premio concédese a partir das votacións realizadas polo propio alumnado nun formulario en liña. Posteriormente os e as docentes que aceptan a súa participación envían o seu currículo que despois é revisado por un Comité de Expertos. O acto de entrega terá lugar vindeiro 26 de Febreiro no Palacio de Congresos e Exposicións de Santiago de Compostela.

A actividade docente do profesor Sotelino ten recibido diversos recoñecementos. Así, o proxecto ‘Pedagoxía Intercultural e APrendizaxe-Servizo’ (PEINAS), do que é coordinador xunto a Miguel A. Santos Rego, foi tamén recoñecido nos Premios SUISIA 2021, coa insignia SUISIA Starter (Spanish universities in social innovation activities), recibindo por parte do xurado o primeiro accésit. A finalidade deste galardón é distinguir proxectos docentes novidosos que desenvolvan habilidades e fortalece capacidades para a innovación e a transformación social. O Proxecto PEINAS, cunha traxectoria de once edicións, consolida a metodoloxía da aprendizaxe-servizo no marco da materia Pedagoxía Intercultural do Grao de Pedagoxía. Por medio desta experiencia, o alumnado entra en contacto con entidades do terceiro sector nas cales se xestiona a diversidade cultural.

The contents of this page were updated on 02.17.2022.