Skip to main content

O inverno comeza na noite do venres

O inverno comeza na noite do venres
O inverno comeza na noite do venres

Ás 23:23 horas do venres 21 dará comezo o inverno boreal, que se prolongará ata o 20 de marzo ás 22: 58 horas. A eclipse total de Lúa da madrugada do 21 de xaneiro será, sen dúbida, o fenómeno astronómico máis salientable da estación que agora comeza. O primeiro contacto coa sombra terá lugar ás 4:34 horas, e o último ás 7:50.

No hemisferio norte esta é a estación máis curta, con 88,99 días fronte aos 89,85 do outono, 92,75 da primavera e os 93,66 do verán. O inicio do inverno coincide co paso do Sol polo punto Capricornio da Eclíptica ou Solsticio de decembro, producíndose nese intre a mínima declinación solar (-23º4 con respecto ao Ecuador Celeste) que ten como consecuencia que teñamos o día máis curto do ano cunha duración de pouco máis de 9 horas. Porén, as tardes xa comezaron a medrar dende o pasado día 7, mentres que as mañás seguirán minguando ata Reis. Isto débese a que a hora oficial está baseada no chamado Sol medio e non no Sol verdadeiro.

Curiosidades A Terra pasará o 3 de xaneiro polo perixeo, mínima distancia ao Sol (147.097.887 Km), e ao día seguinte terá lugar o máximo da choiva de estrelas Cuadrántidas. Así mesmo, a comezos de ano aínda vai ser visible con prismáticos o cometa 46P/Wirtanen, preto da constelación de Auriga.

Por outra banda, Mercurio vai estar en boas condicións de poder ser observado a simple vista logo do solpor a finais de febreiro, “e haberá interesantes aliñacións da Lúa con planetas nos amenceres dos primeiros días de xaneiro, febreiro e marzo”, informa o director do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC (OARMA), José Ángel Docobo.

Outono chuvioso en Compostela Segundo as medicións realizadas polo OARMA, o outono que agora remata “pode considerarse chuvioso na comarca de Compostela”, asegura Docobo, porque aínda que o inicio foi seco “como continuación dun setembro de récord”, as precipitacións iniciáronse a mediados de outubro para intensificarse ao longo de novembro e decembro. A modo de exemplo, entre os días 9 e 10 de novembro chegaron a caer máis de 110 litros/m2. Así en total, os máis de 700 litros/m2 recollidos (cun 63% de días de choiva) devolvéronlle a Santiago a normalidade pluviométrica.

Gráfico de simulación da eclipse lunar do día 21

The contents of this page were updated on 12.19.2018.