Skip to main content

Convocados os XVIII Premios á calidade lingüística en galego

A presentación realizarase a través do Rexistro da Sede Electrónica da USC. FOTO: Santi Alvite
A presentación realizarase a través do Rexistro da Sede Electrónica da USC. FOTO: Santi Alvite
O certame abrangue traballos académicos, traballos fin de grao (TFG) e traballos fin de mestrado (TFM) de alumnado matriculado en titulacións oficiais no curso 2021-2022
Lugo, Santiago de Compostela

O alumnado da USC matriculado en titulacións oficiais de grao ou mestrado no curso 2021-2022 que elabore e, de ser o caso, defenda en lingua galega un traballo neste ano académico poderá concorrer aos XVIII Premios á calidade lingüística. Estes galardóns impulsados polo Servizo de Normalización Lingüística conta con tres modalidades: traballos académicos, TFG e TFM. O prazo para a primeira modalidade remata o 31 de xullo de 2022; mentres que no caso dos traballos fin de grao ou fin de mestrado, estenderase ata o 30 de setembro.

Establécense quince premios en metálico e diploma acreditativo, que se repartirán por cada unha das grandes áreas de coñecemento (Ciencias da Saúde, Ciencias, Ciencias Sociais e Xurídicas, Enxeñaría e Arquitectura, Humanidades), e para cada unha das modalidades. Así, no caso dos traballos académicos outorgaranse cinco premios de 150 euros. Cinco son tamén os galardóns para os TFG, modalidade na que a cantidade de cada premio ascende ata os 300 euros. Finalmente, no caso dos TFM, os cinco galardóns estarán dotados de 500 euros cada un.

A presentación realizarase a través do Rexistro da Sede Electrónica da USC mediante o procedemento ‘solicitude xenérica’ de acordo cos requirimentos que se establecen nas bases do certame.

The contents of this page were updated on 02.25.2022.