Skip to main content

Achegas innovadoras a prol da alimentación saudable

De esquerda a dereita, Perejón, Felipe de Olveira, García e Otero, no EIF Food Games celebrado no campus de Lugo
De esquerda a dereita, Perejón, Felipe de Olveira, García e Otero, no EIF Food Games celebrado no campus de Lugo
EIT Food premia unha iniciativa estudantil promovida desde o campus de Lugo para fomentar o consumo de peixe e evitar o medo dos máis cativos ás espiñas de peixe

A crecente conciencia da importancia da alimentación para a saúde é un dos factores que está detrás ou, cando menos, na fase previa ao desenvolvemento de novos produtos alimenticios e tamén na promoción de iniciativas ou campañas orientadas a fomentar, favorecer e recomendar o consumo de determinados alimentos e a asunción de hábitos máis saudables.

As variables de alimentación, innovación e saúde estiveron omnipresentes durante os diversos actos desenvolvidos no campus de Lugo da USC no marco do EIT Food Games, un evento científico promovido pola Comunidade Europea de Coñecemento e Innovación dependente do Instituto Europeo de Innovación e Tecnoloxía creada para transformar o noso ecosistema alimentario (EIT Food), no que participaron empresas de base tecnolóxica xerminadas no campus lugués, tales como Quescreem ou TasteLab, ou a spin off Angulas Aguinaga, cuxos representantes guiaron dous obradoiros orientados a procurar solucións a algunhas das problemáticas actuais da industria agroalimentaira e tamén a favorecer o consumo de peixe entre a poboación máis cativa.

A campaña deseñada por un grupo de alumnos do campus lugués para mellorar a relación entre o pescado e os nenos e nenas mereceu o recoñecemento dos promotores de EIT Food Games, que non dubidaron en galardoar a iniciativa desenvolvida nunhas horas por un equipo de traballo formado por Marina Perejón e María Otero Candal, estudantes do grao en Nutrición e Dietética na Facultade de Ciencias do Campus de Lugo, María Sol García Layerle, graduada en Nutrición e Dietética e alumna do máster da USC en Innovación en Nutrición, Seguridade e Tecnoloxía Alimentarias, e Emanuel Felipe de Oliveira, investigador brasileiro procedente da Universidade Federal Rural de Pernambuco que está a completar a súa formación de doutoramento no campus lugués.

A suxestión achegada por este equipo multidisciplinar deparou non pouco impacto. Así, a partir dun caso imaxinario, pero pegado á realidade, no que un neno rexeitaba o pescado por temor a tragar ou cravarse cunha espiña de peixe, este grupo de potenciais emprendedores desenvolveu dúas propostas: ‘fish and fish’ (bariñas de pescado con forma de chips) e ‘pescadetis’ (pescado en forma de espaguetis).

Estes novos produtos, elaborados con materia prima de pescado, non sucedáneos de surimi, axudaría a mellorar o consumo de peixe entre a poboación máis cativa, que xa está familiarizada coas presentacións de produtos como as galletas ou a pasta. O desenvolvemento destes novos artigos de alimentación, explican os novos emprendedores, axudaría a potenciar o consumo de pescado entre os nenos e nenas, o que lles permitiría levar unha dieta sá, equilibrada, saborosa, de fácil transporte e tamén de consumo doado. A posta en marcha desta iniciativa serviría tamén para erradicar dunha vez por todas os posibles medos ao pescado que teñen os nenos e nenas.

The contents of this page were updated on 12.21.2018.