Skip to main content

Unha colaboración internacional coa participación da USC estudará o impacto dos fluxos de tráfico na calidade do aire

Unha colaboración internacional coa participación da USC  estudará o impacto dos fluxos de tráfico na calidade do aire
Unha colaboración internacional coa participación da USC estudará o impacto dos fluxos de tráfico na calidade do aire
Un novo consorcio europeo integrado por nove organizacións de España e Italia desenvolverá solucións innovadoras para analizar a variabilidade nos fluxos do tráfico rodado

Investigadores do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da USC (CiTIUS) colaboran no desenvolvemento do proxecto europeo Trafair, unha iniciativa conxunta entre administracións públicas e universidades de España e Italia que xunta esforzos para comprender o impacto que teñen os fluxos de tráfico na calidade do aire. Os datos manexados polas autoridades sanitarias neste senso elevan a 400.000 o número de persoas falecidas anualmente en Europa por mor da contaminación. A cifra sinala un problema de saúde pública onde os trastornos asociados á mala calidade do aire son xa a principal causa ambiental de morte prematura na UE.

O proxecto no que participa o CiTIUS preséntase como unha alternativa para optimizar as estratexias de control e aumentar a conciencia social sobre un problema crecente. O seu máximo responsable en Santiago, o investigador José Ramón Ríos Viqueira, explica o obxectivo global do consorcio dende o seu grupo USC (COGRADE - Computación Gráfica e Enxeñería de Datos), “o que pretendemos con este proxecto é desenvolver un novo método capaz de ofrecer á cidadanía e ás administracións públicas unha estimación óptima do grao de contaminación, xerada en base ás diferentes condicións do tráfico”. A nova ferramenta que xurde desta colaboración internacional “ combinará as condicións climáticas, os fluxos de tráfico e outras fontes de emisión para proporcionar unha estimación rápida e fiable do nivel de polución a escala urbana, validando os resultados cun sistema de sensorización da calidade do aire innovador e de baixo custo”.

O novo servizo, froito dos resultados de investigación do proxecto TRAFAIR, despregarase nas cidades españolas de Santiago de Compostela e Zaragoza e as italianas Florencia, Módena, Livorno e Pisa. O proxecto está liderado pola Universidade de Módena e Reggio Emilia (UNIMORE) e conta con nove socios, un total de catro institucións públicas por país e unha empresa de servizos. No que respecta á parte española, xunto á USC participan tamén o CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o Concello de Santiago de Compostela e a Universidade de Zaragoza.

The contents of this page were updated on 12.21.2018.